O BNG homenaxeou aos mártires de Carral salientando paralelismos coa actualidade
O BNG-Asembleas abertas celebrou onte 26 de abril a súa homenaxe aos mártires de Carral. No acto participaron Vitoria Louro, candidata á alcaldía de Carral, Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos e Xabier Vence, portavoz nacional do BNG.
Carral, 27 de abril de 2015. O BNG-Asembleas abertas celebrou onte 26 de abril a súa homenaxe aos mártires de Carral. No acto participaron Vitoria Louro, candidata á alcaldía de Carral, Henrique del Río, candidato á alcaldía de Betanzos e Xabier Vence, portavoz nacional do BNG.
Os tres salientaron nos paralelismos entre a situación que se vivía no ano 1846 e a actual, e reivindicaron a vixencia do pensamento rexionalista como xerme do actual nacionalismo.
Son as nosas raíces por iso hoxe, desde o BNG queremos conmemorar a revolución de 1.846, a revolución contra a tiranía, contra o despotismo, contra o escurantismo, explicou a candidata á alcaldía de Carral, Vitoria Louro.
O BNG continúa a traballar precisamente para que a cerna daqueles homes e mulleres que soñaron cunha Galiza dona de si propia non siga a ser negada ou eliminada, engadiu Louro.
Louro: O BNG continúa a traballar precisamente para que a cerna daqueles homes e mulleres que soñaron cunha Galiza dona de si propia non siga a ser negada ou eliminada
Antolín Faraldo e os provincialistas tiveron claro naquela altura que os problemas do pobo galego non terían solución mentres as decisións sobre o noso futuro se tomasen a cincocentos quilómetros do noso país, explicou Henrique del Río, candidato do BNG-Asembleas abertas á alcaldía de Betanzos, vila natal de Faraldo. foron conscientes de que, ou tomaban partido, ou a nosa terra seguiría a ser a despensa e a fábrica de carne de canón para as guerras coloniais, as segas ou as grandes obras da metrópole. Hoxe non son as guerras, mais somos fabricas de man de obra barata e de emigración.
É importante coñecer o que pasou naquel ano 1846 e sobre todo, porque se rebelaron aquelas persoas e remataron asasinadas en Carral. Pola liberdade, pola dignidade dos galegos e galegas, para conquistar o dereito a seguir sendo, a seguir existindo, continuou Del Río, quen chamou a loitar para cambiar o presente desde o coñecemento do pasado.
Del Río: Hoxe non son as guerras, mais somos fabricas de man de obra barata e de emigración
Finalizou o acto coa intervención de Xabier Vence que reivindicou o papel dos percusores das reivindicacións nacionalistas en Galiza que se ergueron para defender unha maior autonomía para este país e plantaron cara ás políticas da corte contra Galiza, algo que segue a ter plena vixencia na actualidade.
Vence considera que hoxe segue a ser necesario loitar contra as políticas recentralizadoras que arrasan o tecido produtivo e que levan ao país a ruína, como pasaba cando a mediados do século XIX se produciu a revolta en defensa dunha Galiza de seu, con institucións propias. Temos que seguir loitando para que preservar o noso autogoberno e para acadar outro tipo de políticas que non arrasen co país, sintetizou.