O BNG criticou un novo dispendio en area para as praias de Miño e Gandarío
O BNG-Asembleas abertas criticou o novo dispendio de cartos públicos en area para a praia de Miño sen previsión de que poida volver desaparecer o vindeiro inverno.
Miño, 29 de abril de 2015. O BNG-Asembleas abertas criticou o novo dispendio de cartos públicos en area para a praia de Miño sen previsión de que poida volver desaparecer o vindeiro inverno. O ano pasado o ministerio malgastou máis de 850 mil euros en area, provocando ademais un dano terríbel no ecosistema da praia, e un ano máis tarde o ministerio ven de anunciar outros máis de 275 mil euros para estabilizar os taludes, explicou Olalla Barro, candidata do BNG-Asembleas abertas á alcaldía de Miño. "E todo isto faise sen un estudo que determine como se modificaron as correntes da ría desde que se fixeron os peiraos e como isto afecta aos areais", lamentou.
Xa advertimos o ano pasado que isto podía suceder, non é de recibo estar ano tras ano malgastando cartos públicos desta maneira sen facer un estudo serio das causas de que as correntes leven a area e das mellores actuacións para a praia e a Ría, indicou Barro, non sabemos se ao PP lle importa manter a praia en condicións ou favorecer ás empresas privadas que ano tras ano levan a cabo estes recheos.
Desde o BNG recordaron que propuxeron que se reservase crédito nos orzamentos do estado para este ano para facer un estudo das correntes na Ría para coñecer as causas dos desprazamentos de area.
Os continuos movementos da area ano tras ano na praia prexudican tremendamente ao ecosistema da praia e as dunas. Teñen tamén consecuencias económicas, xa que os bancos de marisco van quedar enterrados, explicou.
Desde o BNG recordaron que propuxeron que se reservase crédito nos orzamentos do estado para este ano para facer un estudo das correntes na Ría que avaliara porque levan a area e non a devolven á praia como sería normal e buscar así solucións a longo prazo e non meros parches ano tras ano.
Malgasto tamén na praia de Gandarío
David Carro: estes cartos irían mellor empregados en eliminar os vertidos que son os que están prexudicando ao turismo no noso Concello
Desde o BNG de Bergondo criticaron tamén este dispendio de cartos públicos ano tras ano. Parece mentira, a praia de Gandarío pechada ao baño metade do verán e a do Regueiro o verán enteiro e en lugar de eliminar os vertidos e garantir a calidade das augas o PP prioriza seguir facendo recheos ano tras ano na praia de Gandarío, criticou David Carro, candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Bergondo, estes cartos irían mellor empregados en eliminar os vertidos que son os que están prexudicando ao turismo no noso Concello.