O BNG alégrase de que a alcaldesa por fin decidira actuar contra a obra ilegal do clube A Pedralba
Bergondo, 29 de xuño de 2013. O BNG de Bergondo congratúlase de que o Goberno Local do PSOE e VB por fin abrise un expediente ao clube de tenis A Pedralba, logo de que nos últimos meses denunciásemos por segunda vez -a primeira foi en novembro de 2.011- a realización de obras sen licenza.
O PSOE primeiro negou unha evidencia que toda a veciñanza podía ver e mentiu reiteradamente sobre este tema. Só cando non lles quedou outra opción, polas denuncias públicas do BNG, o goberno local se decidiu a actuar, explicaron os nacionalistas.
Como denunciamos no seu momento, é un escándalo que se permita continuar as obras nunha parcela de solo rústico de especial protección de augas, criticaron, e agora que as obras están rematadas danse conta por fin de que non eran poñer unha cuberta, cousa evidente para calquera que pasara por alí.
Esperamos que a Deputación da Coruña tamén rectifique e deixe de financiar obras ilegais con cartos públicos
Desde o BNG engadiron que esperamos que a Deputación da Coruña tamén rectifique e deixe de financiar obras ilegais con cartos públicos, xa que o clube de tenis a Pedralba recibiu desta institución unha subvención de preto de 9.000 no último ano. Parécenos escandaloso que se malgasten cartos de todos e todas nunha obra ilegal que se agora hai sentenza vai haber que derrubar. Mentres seguimos sufrindo todos os días recortes porque segundo o PP hai que ser austeros cos recursos públicos. Esperamos que non se dea por boa esta actuación e que se reclamen os cartos públicos a esta entidade.
No BNG consideramos que o que precisa Bergondo non son novas pistas de tenis privadas. No concello coa taxa de desemprego máis alta da comarca é un escándalo gastar preto de 9.000 en pistas de tenis ilegais en lugar de investilos en fomento emprego ou servizos sociais,indicaron.
O BNG presentou tamén no seu día unha iniciativa no Parlamento galego para saber porque a Xunta de Galiza, que tamén é coñecedora desde fai tempo da situación, non tomou as medidas oportunas. Os reiterados incumprimentos da legalidade por parte do clube A Pedralba hai anos que foron trasladados a Xunta de Galiza e desde ese momento non tomaron ningunha medida, concluíron.