O BNG alega contra uns orzamentos que demostran as mentiras do PP no tema da fusión
Estefanía Busto: A amortización de até 11 prazas do cadro de persoal terá repercusións directas sobre a calidade dos servizos que o concello ten que prestar á veciñanza, ademais de supor unha destrución de emprego.
Oza dos Ríos, 14 de decembro de 2012. O BNG de Oza dos Ríos presentou esta mañá as súas alegacións aos orzamentos municipais de 2012 e 2013. Nestas alegacións os nacionalistas cuestionan a legalidade da elaboración do orzamento, que debera coincidir co ano natural antes do 31 de decembro do ano anterior ao do ano pasado, non ten sentido aprobar o orzamento de 2012 a estas alturas do ano, cando os cartos xa están gastados, engadiu a concelleira nacionalista.
O BNG tamén criticou a adxudicación de subvencións a dedo, O PP está aplicando como regra xeral o que a Lei Xeral de Subvencións prevé como excepcional. O orzamento de 2012 prevé unha cantidade de 21 897.3 en subvencións adxudicadas directamente polo alcalde a dedo a entidades e tan só 11 086.06 para as subvencións ás que se poida presentar calquera asociación, con independencia de como lle caia ao alcalde, indicou, e o mesmo acontece no documento do 2013 .
Os nacionalistas poñen en cuestión unha vez máis a transparencia do goberno local do PP cos números que presenta o PP, debaixo de frases xenéricas que pode ser calquera cousa é imposíbel saber realmente en que se van gastar criticou a portavoz do BNG.
Do mesmo xeito, o BNG propón que os cartos que se destinan en gastos superfluos como transporte, dietas, publicidade e propaganda se destinen a garantir os servizos como traída de auga ou saneamento que o concello tería que emprestar obrigatoriamente. Neste sentido manifestou Estefanía Busto que no contexto de crise no que estamos é escandaloso que se destinen os cartos para gastos prescindíbeis mentres se reducen até o mínimo os cartos para o fomento do emprego.
Cadro de persoal 2013
O BNG tamén cuestiona nas súas alegacións que o goberno do PP elimine un terzo do cadro de persoal. É evidente que isto terá unha repercusión directa sobre a calidade dos servizos que ten que prestar o concello, ademais da destrución de emprego criticou a portavoz nacionalista, queda demostrado que o PP mentiu descaradamente cando dixo que a fusión co Concello de Cesuras non iba a supoñer despedir ningún traballador do Concello.