O BNG afirma que as ventaxas da fusión das que presume o PP se reducen a promesas sen cartos detrás
Busto: Xa sabemos cal é o modelo que pretende o PP, darlle máis peso ás Deputacións, que as precisan para perpetuar dinastías, e xa vemos como as xestionan en Ourense.
Oza dos Ríos, 11 de xaneiro de 2013. O BNG de Oza votou en contra da aprobación definitiva do prexecto de fusión co concello de Cesuras no pleno extrordinario que se celebrou esta mañá. Desde o BNG demandan un estudo económico e financeiro serio, que avale o custo e as vantaxes que suporá a fusión.
Neste sentido o BNG presentou unhas alegacións nas que, ademais dun estudo económico-financeiro, solicitaba unha consulta á veciñanza "é necesaria unha consulta popular para que as veciñas e veciños poidan decidir sobre esta fusión acordada polo PP en Santiago". Non se pode chantaxear aos veciños e veciñas para que dean por boa a fusión en base a promesas electorais, indicou a concelleira do BNG. Se fai falla unha escola infantil ou un centro de día, que se faga, con fusión ou sen ela, concluíu.
"Desde o BNG non cremos as vantaxes que vai supor a fusión para a veciñanaza de Oza, agora que coñecemos os orzamentos da Xunta e vemos que non hai nin un só euro para as obras que prometeron" explicou a portavoz nacionalista "o proxecto que nos presentan redúcese a promesas electorais e consignas políticas, mais en nigún caso hai un respaldo orzamentario", "fai case un ano que comezou este proceso e o único que tivemos foron fotografías e apretóns de mans, ademais do despedimento de tres traballadores" apuntou Busto.
"Está claro que este modelo de administración local non é viábel, mais a solución non pasa pola fusión de concellos" afirmou a portavoz nacionalista "desde o BNG levamos máis de 30 anos apostando pola comarcalización de servizos e a supresión das Deputacións, que son entes sen ningún cometido, que si que suporía un aforro real", "xa sabemos cal é o modelo que pretende o PP, darlle máis peso ás Deputacións, que as precisan para perpetuar dinastías, e xa vemos como as xestionan en Ourense" engadiu.
Para os nacionalistas o problema non é o número de concellos, o proceso de fusión entre Oza e Cesuras demostra que o PP non ten un modelo de organización territorial para Galiza, "non conseguen poñerse de acordo entre eles, mentres aquí uns actúan de casamenteiros en Vilamartín presentan mocións de censura ante o perigo dunha fusión".