O BNG acusou ao goberno local de Oza de incumprir a lei na súa contratación de persoal
Busto: exiximos ao goberno local do PP que garanta a igualdade de oportunidades para toda a veciñanza á hora de acceder a estes contratos, xa que en Oza hai 261 persoas no desemprego que seguro que estarían encantadas de traballar para o Concello.
Oza dos Ríos, 28 de marzo de 2013. O BNG acusou ao Alcalde de Oza do Partido Popular de contratar persoal incumprindo a lei. O Concello contratou por resolución da alcaldía un peón de albanel durante 7 días este mesmo mes de marzo, segundo eles por necesidades urxentes e inaplazabeis cando o único peón no cadro de persoal do concello estaba de vacacións, explicou a voceira do BNG Estefanía Busto, para este contrato non se públicou anuncio ningún nin na páxina web, nin nos diarios oficiais nin nos xornais. Ademais, no concello de Oza non hai lista ningunha de substitucións nin proba selectiva para acceder a estas traballos temporais como exixe a lei.
Parécenos vergoñento que no momento terríbel que vivimos, con 261 veciños e veciñas de Oza no desemprego, non se lle dea a todo o mundo a oportunidade de acceder a estes contratos, criticou Busto, a lei indica claramente que o acceso a empregos públicos debe realizarse atendendo a criterios de igualdade, mérito e capacidade que neste caso, cando menos, non foron tidos en conta.
Os nacionalistas acusan ademais, ao alcalde do PP de mentir ao Pleno. Cando no último Pleno preguntamos por esta contratación o Alcalde díxonos que fora anunciada na web do Concello, indicaron, calquera pode comprobar accedendo á web que isto é falso, de feito a última entrada sobre contratación de persoal na web é do ano 2011, informou Busto.
O PP en Oza esta xestionando os cartos de todos e todas para comprar vontades, impedindo todo o posíbel o control da oposición e faltándolle ao respecto á veciñanza, censurou a voceira nacionalista. Todos os veciños e veciñas temos dereito a que os cartos públicos se invistan cun control e non que se utilicen para facer favores como é habitual no noso concello.
O BNG exixirá ao goberno local que non se repitan estas contratacións irregulares trátase de algo completamente previsíbel, é evidente que as persoas que traballan no Concello teñen dereito a coller vacacións. O Concello ten que elaborar unhas listas de contratación baseadas en criterios obxectivos para realizar as substitucións, apuntou Busto. Non se pode permitir que como único criterio se empregue que era moi urxente e esta persoa pasaba por alí e estaba libre, ironizou, porque seguro que grande parte das 261 persoas que están no desemprego no concello tamén estarían libres e dispostas a incorporarse con urxencia. Ademais, os nacionalistas están valorando tomar outro tipo de medidas xudiciais para garantir a igualdade de todos e todas, que é o mínimo que se pode exixir cando se están xestionando cartos que veñen dos nosos impostos.