O BNG pediu ao goberno local que explique a que se debe que presente o orzamento do 2020 un mes antes de que remate o ano
Non lle vemos sentido a presentar un orzamento que vai entrar en vigor cando remate o seu ano. Un orzamento é unha previsión de gastos e ingresos, neste caso non hai previsión ningunha porque o gasto xa está realizado ou comprometido a estas alturas de ano”
Desde o BNG amosan a súa incredulidade con que o goberno local venda como algo positivo o incremento do orzamento en máis de 7 millóns de euros. “Non é bo en absoluto, porque non son ingresos adicionais para mellores servizos ou novas infraestruturas”
Miño, 24 de novembro de 2020. O BNG pediu ao goberno local que explique a que se debe que presente o orzamento do 2020 un mes antes de que remate o ano. “Non lle vemos sentido a presentar un orzamento que vai entrar en vigor cando remate o seu ano. Un orzamento é unha previsión de gastos e ingresos, neste caso non hai previsión ningunha porque o gasto xa está realizado ou comprometido a estas alturas de ano”, explicou Henrique Abraira, portavoz do BNG de Miño.
Os nacionalistas recordan que o goberno do PSOE xa é reincidente nesta falta de previsión. “Xa o ano pasado trouxeran a aprobación o orzamento a final de ano, con todo o peixe xa vendido”, relata o voceiro do BNG. “Non se pode culpar á covid-19 deste retraso, porque con pandemia ou sen ela o goberno do PSOE leva dous anos presentando o orzamento ao remate do seu ano legal de vixencia”, abunda.
“Cando todas as administracións están aprobando o orzamento para 2021, o PSOE de Miño aproba o do ano anterior. O lóxico, chegados a este punto, ao que non deberamos chegar porque a lei marca uns prazos para a aprobación do orzamento, é que se tramiten os de 2021, que xa irían fóra de prazo pero polo menos non cun ano de retraso”, engadiu.
O incremento do orzamento é para o crédito da débeda de Fadesa
Desde o BNG amosan a súa incredulidade con que o goberno local venda como algo positivo o incremento do orzamento en máis de 7 millóns de euros. “Non é bo en absoluto, porque non son ingresos adicionais para mellores servizos ou novas infraestruturas”, explica Abraira.