O BNG insiste en reclamar á Xunta a paralización de Monte Piñeiro
O BNG deu a coñecer o contido das alegacións que formulará á modificación puntual do Plan xeral de Miño coa que o goberno local do PP pretende levar adiante a construcción doutra macrourbanización no Monte Piñeiro.
Miño, 17 de decembro de 2014. O BNG deu a coñecer o contido das alegacións que formulará á modificación puntual do Plan xeral de Miño coa que o goberno local do PP pretende levar adiante a construcción doutra macrourbanización no Monte Piñeiro. Os nacionalistas, que presentarán mañá o documento no rexistro, advirten que a edificabilidade prevista para Monte Piñeiro será o triple que a media prevista no Plan Xeral de Miño.
Neste sentido, cuestionan que a reordenación impulsada polo PP mantén unha edificabilidade esaxerada (0,60m2/m2) e unha densidade de 60 vivendas por hectárea cando o Plan Xeral prevé que sexan do 0,23 e 12,3, respectivamente. Segundo a proposta de modificación puntual en estudo supón a construción de 750 vivendas no municipio con maior número de vivendas en venda da redonda, advirten desde o BNG.
A reordenación impulsada polo PP mantén unha edificabilidade esaxerada (0,60m2/m2) e unha densidade de 60 vivendas por hectárea cando o Plan Xeral prevé que sexan do 0,23 e 12,3, respectivamente. Isto vai claramente en contra do que establece a Lei de Costas
Miño conta con centenares de vivendas en construción paralizadas e un 40% de vivendas baleiras explican. Inmobles que non encontran comprador, a pesar de reducir o seu prezo até nun 45% nalgúns casos aseguran. Segundo denuncian os nacionalistas, esta ordenación viola a Lei de Costas ao superar o sector de Monte Piñeiro, situado dentro da zona dos 500 metros desde a beira do mar, a media do solo urbanizable do conxunto do PXOM.
Desde o BNG advirten, ademais, que esta urbanización residencial suporá un enorme impacto ambiental no monte Piñeiro e mais na marisma do Baxoi e na praia de Miño. Non fará falla lembrar que a ría de Betanzos está integrada na Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas e terras do Mandeo, ironizan os nacionalistas, que recordan que as marismas do río Baxoi, pola súa riqueza ambiental, están incluídas como zona tampón nesa Reserva e tamén figuran na proposta de ampliación da Rede Natura que o PP mantén paralizada.
Co desenvolvemento e a edificabilidade previstas para o Monte Piñeiro enténdese moi ben por que o PP ten paralizada a ampliación da Rede Natura, ironizan desde o BNG. Por riba dos intereses xerais, para o PP están os intereses dos promotores inmobiliarios, censuran.
Segundo a proposta de modificación puntual en estudo supón a construción de 750 vivendas, cando Miño conta con centenares de vivendas en construción paralizadas e un 40% de vivendas baleiras
O BNG considera que esta urbanización, á vista da porcentaxe de vivenda baleira que ten Miño, é totalmente innecesaria. O PP pretende dar un pelotazo no Monte Piñeiro a costa do patrimonio natural de toda a veciñanza, lamentan. As nacionalistas insisten en que promover a macrourbanización do monte Piñeiro para pagar os pratos rotos da de Costa Miño Golf como pretende facer o PP non ten nin pés nin cabeza nunha situación como a actual, de crise económica, unha elevadísima taxa de desemprego e co 40% das vivendas do Concello baleiras que non se dan vendido. É unha fuxida para adiante do PP que vai levar á veciñanza de Miño ao desastre, censuran.
Ademais, desde o BNG cuestionan o secretismo con que o goberno local do PP levou adiante este tema. O PP asegura que remitiu unha enquisa á veciñanza para que opinase sobre o proxecto, pero esqueceu explicar que esa enquisa foi enviada cando se aprobou inicialmente o proxecto antes do estoupido da burbulla inmobiliaria e moito antes de ver as consecuencias que a outra macourbanización, Costa Miño Golf, tivo sobre o noso Concello. Non explicaron o proxecto e que implicacións ten á veciñanza, sosteñen.
Porén, desde o BNG cuestionan que non se explicase á veciñanza que os ingresos que segundo o PP xenerará esta macrourbanización serán para afrontar a sentenza que obriga ao Concello a facerse cargo de forma subsidiaria do pagamento do prezo xusto aos expropiados de Costa Miño Golf. Recordan que o PP defendeu os intereses de Fadesa en lugar de defender á veciñanza e agora todos temos que pagar os 20 millóns da sentenza máis os dez anos de pleitos que o Concello mantivo coa súa veciñanza para defender á empresa.
A estes gastos desde o BNG suman o acordo coa coa U.T.E. propietaria de Monte Piñeiro para devolver os tres millóns de euros cobrados como canon urbanístico máis os xuros. E outras ocorrencias como as beirarrúas multicolor, os farois de 70 000 e todo tipo de dispendios que fixo o PP cos cartos de todas e todos, conclúen.