O BNG considera que o PP quere convertir Monte Piñeiro nun novo Fadesa
O BNG alerta dos riscos de levar adiante a "Modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Miño.
Miño, 1 de decembro de 2014. O BNG alerta dos riscos de levar adiante a "Modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Miño. No diagnóstico deste documento chegan a recoñecer que só o 40% das vivendas de Miño son primeiras vivendas e o 60% restante son segundas vivendas ou vivendas baleiras. Das 5667 vivendas que ten Miño, 1300 están baleiras, explicaron desde o BNG de Miño. Habendo tantísimas vivendas non existe demanda nin necesidade ningunha dunha nova macrourbanización. Quen vai mercar as máis de setecentas vivendas que se esperan construír?
Este proxecto só responde a intereses especulativos. Cunha nova macrourbanización non se vai fixar máis poboación, só se vai hipotecar o noso futuro e o da nosa terra, criticaron os nacionalistas. Estando tan próximo no tempo, e aínda sen resolver, o despropósito de Fadesa, o actual goberno do PP vai afundir aínda máis ao concello coa macrourbanización do Monte Piñeiro.
O BNG anunciou que vai presentar alegacións a esta modificación e animou a todos os veciños e veciñas a que fagan o mesmo
Ademais, no documento ignórase o contexto socieconómico de crise e empobrecemento social, o que implica a caída da demanda de vivendas. Se o goberno do PP quere mellorar as condicións de vida da veciñanza de Miño, o que debe facer é fomentar o emprego e non os intereses especulativos de catro construtoras. Para o PP a única política de dinamización demográfica e económica redúcese a facer unha outra macrourbanización, incidiron desde o BNG. É un novo salto para o abismo sen avaliar as posíbeis consecuencias.
No propio documento consideran a Miño un sistema urbano deficitario, que non ten espazos de convivencia e que non permite unhas relacións socioeconómicas complexas, o que ten consecuencias na calidade de vida e no pequeno comercio. A pesar de recoñecer isto, a única medida que contempla para solucionar a devastadora política urbanística do PP é reurbanizar un espazo que podería funcionar como a zona verde dentro do núcleo urbano. É tan delirante que se recomenda que se interveña o menos posíbel e que a propia urbanización se dote de espazos sen artificio, censuraron.
Tamén considera o documento, que abala esta modificación, que as augas fluviais e costeiras de Miño se atopan nun estado "malo", o que está a subliñar a ineficaz ou inexistente depuración das augas co risco que implica para o medio ambiente e a saúde das persoas. Ademais admite que esta nova macrourbanización vai afectar á biodiversidade e ao valor natural das Marismas do río Baxoi, pois o Monte Piñeiro fai parte deste Lugar de Importancia Comunitaria, onde se encontran aves en perigo crítico de extinción como a escribenta das canaveiras.
Este documento cos seus propios datos desmóntase a si mesmo e continúa a profundizar nas depredadoras políticas económicas, demográficas e medioambientais do PP, engadiron os nacionalistas.
Alegacións ao documento de inicio
Até o 18 de decembro podense presentar observacións e suxestións ao impacto ambiental do proxecto e tamén á necesidade de concreción do informe de impacto ambiental, en caso de que a Xunta decida sometelo ao dito procedemento, explicaron desde o BNG.
Este proxecto só responde a intereses especulativos. Cunha nova urbanización non se vai fixar máis poboación, só se vai hipotecar o noso futuro e o da nosa terra
O BNG anunciou que vai presentar alegacións a esta modificación e animou a todos os veciños e veciñas a que fagan o mesmo. Pómonos a disposición da veciñanza para axudarlles a formular as alegacións que estimen e para intentar calquera acción conxunta que permita paralizar esta nova barbaridade urbanística no noso concello, concluiron.