Mostramos a nosa preocupación polos cortes de 7 horas diarias no subministro de auga anunciados polo goberno
O BNG mostrou a súa preocupación polo anuncio do goberno local de realizar cortes no subministro de auga a partir do 30 novembro entre as 11 da mañá e as 18 da tarde. “ Parécenos que é unha medida moi dura porque supón que nas horas centrais do día as explotacións, os negocios e mesmo as casas van estar sen auga. Isto vai supor un grave problema para as explotacións e os negocios do noso concello”
Irixoa, 28 de novembro de 2017. O BNG mostrou a súa preocupación polo anuncio do goberno local de realizar cortes no subministro de auga a partir do 30 novembro entre as 11 da mañá e as 18 da tarde. “ Parécenos que é unha medida moi dura porque supón que nas horas centrais do día as explotacións, os negocios e mesmo as casas van estar sen auga. Isto vai supor un grave problema para as explotacións e os negocios do noso concello”, explicou a portavoz do BNG de Irixoa, Rosa Rivas.
“Hai parroquias que teñen traída veciñal e veciños que teñen pozos pero a maioría van sufrir os cortes de 7 horas do subministro da auga”, engadiu Rivas. “Ademais a información non está sendo como debera nun asunto desta gravidade, colgaron carteis pero nin tan sequera na web do concello está colgada a información. Pensamos que o concello ten que informar correctamente á veciñanza de se vai haberá excepcións a esta medida, en que casos, canto se prevé que dure e a situación dos depósitos de auga”, indicou a portavoz nacionalista.
“Pensamos que o goberno tiña que ter previsto esta situación que hai meses que se sabía que se non chovía podía haber dificultades e se se tivesen tomado medidas naquel momento ao mellor non sería necesario chegar a cortes desta gravidade”, criticou Rivas, “pedimos que se valoren casos excepcionais como negocios que dependen do subministro de auga ou explotacións e se regulen con eles outro tipo de medidas de aforro”.
Desde o BNG anunciaron que presentarán unha moción no concello para esixir ao goberno que busque novos mananciais para garantir o subministro de auga en situacións de seca como a actual.