Apoiamos o Plan de abastecemento de auga para Irixoa
O BNG agarda que as veciñas e veciños de Irixoa non teñan que padecer de novo a deixadez e mala xestión do goberno do PP neste asunto, que só reaccionou cando o BNG levou ao pleno o malestar da xente.
Irixoa, 26 de decembro de 2017. Moitas veciñas e veciños de Irixoa víronse privados do servizo de abastecemento de auga municipal en datas moi recentes. O BNG recolleu as queixas da xente e rexistrou unha moción o pasado 1 de decembro na que se solicita, entre outros asuntos, buscar novos mananciais para garantir o abastecemento da poboación.
O goberno municipal, presionado polas protestas veciñais recollidas polo BNG, a repercusión mediática e a presentación da iniciativa nacionalista que debería debaterse hoxe no pleno, presentou un documento inicial de Plan municipal de abastecemento.
A portavoz nacionalista, Rosa Rivas, votou a favor deste Plan presentado como consecuencia das demandas do BNG e retirou a moción que figuraba na orde do día do pleno nun punto posterior.
Rosa Rivas comprométese coa veciñanza a seguir facendo o labor de control e fiscalización da acción do goberno municipal do PP, cun seguemento do grao cumprimento dese Plan “para que as veciñas e veciños de Irixoa non teñan que padecer novos cortes no subministro de auga”.
O BNG agarda que as veciñas e veciños de Irixoa non teñan que padecer de novo a deixadez e mala xestión do goberno do PP neste asunto, que só reaccionou cando o BNG levou ao pleno o malestar da xente.