GUNDO O INFORME O PROXECTO NON SE PODE EXECUTAR MENTRES NON ESTEA OPERATIVO O SANEAMENTO EN LUBRE
Valoramos a decisión da Xunta de eximir de avaliación ambiental o proxecto do polígono industrial en Obra de Paño
“Por outra banda, como xa fixera o BNG de Bergondo nas súas alegacións, o informe da Xunta tamén cuestiona a necesidade deste terreo industrial cando hai polígonos na comarca medio baleiros como os de Piadela ou o de Coirós”
Bergondo, 14 de xaneiro de 2020. O BNG de Bergondo valorou a decisión da Xunta de Galiza de eximir de avaliación ambiental o proxecto do polígono industrial en Obra de Paño. “Por unha banda a Xunta dá a razón ao BNG nas alegacións presentadas e pon condicións ao proxecto para a súa aprobación, sen embargo, a pesar de poñerlle tachas ao proxecto, exímeo do trámite de avaliación ambiental. Parécenos que non é lóxico” expuxo o portavoz nacionalista David Carro.
Segundo o informe, o proxecto non se pode executar mentres non estea operativo o saneamento en Lubre, aínda pendente de obras que se tramitan co proxecto da senda fluvial do Rio Maior. “Como advertimos nas nosas alegacións, non é posíbel que pretendan usar un servizo de saneamento que non está nin se sabe cando estará operativo” indicou Carro. “Se coas últimas choivas fortes se anegaron fincas e casas, que pasará cando se enganche ao saneamento toda a parroquia e este novo polígono e aumente aínda máis o caudal do rio?”, cuestionouse o portavoz nacionalista.
“Por outra banda, como xa fixera o BNG de Bergondo nas súas alegacións, o informe da Xunta tamén cuestiona a necesidade deste terreo industrial cando hai polígonos na comarca medio baleiros como os de Piadela ou o de Coirós”, engadiu Carro.
“Ademais, o informe da Xunta esixe unha serie de medidas para, de levarse a cabo minimizar o seu impacto paisaxístico”, explicou o nacionalista. “Ao igual que coas outras modificacións das Normas Subsidiarias, non nos parece lóxico tramitar modificacións puntuais que condicionarán o PXOM que se está tramitando. Non entendemos o urbanismo a carta para algúns mentres o resto da veciñanza agarda” concluíu Carro.