Celebramos unha xuntanza informativa sobre o Plan da Senda Fluvial do Rio Maior
"Agardamos un tempo prudencial a que o Goberno Local se decidise a informar a veciñanza, como non o fixeron e o prazo para presentar alegacións esta a piques de rematar, fixémolo nós"
Bergondo, 21 de agosto de 2019. O BNG ven de celebrou este serán unha xuntanza informativa coa veciñanza de Lubre sobre o Plan da Senda Fluvial do Rio Maior. "Agardamos un tempo prudencial a que o Goberno Local se decidise a informar a veciñanza, como non o fixeron e o prazo para presentar alegacións esta a piques de rematar, fixémolo nós", explicou o portavoz nacionalista David Carro, quen se puxo a disposición dos veciños e veciñas para prestar axuda coas alegacións se fose preciso.
Dende o BNG fixeron unha primeira valoración do proxecto "o proxecto de obra é positivo, vai permitir dotar dun servizo tan básico como o saneamento a parroquia de Lubre, que é o máis importante, aínda que non é o que nos gustaría xa que tememos que en épocas de fortes choivas vai desbordar e verter sobre o río, para nós a mellor opción seria metelo por outro sitio" indicou Carro.
Ademais, e tal como recolle o propio proxecto, dende o BNG incidiron na necesidade de aclarar a relación de persoas afectadas co catastro, xa que o propio proxecto recoñece que "se dan casos como parcelas que foron vendidas e continúan a nome do anterior propietario, ou algunhas en herdanza onde non constan aínda os herdeiros; é importante aclarar esta problemática antes do inicio das obras" explicou o voceiro nacionalista.
Por outra parte os nacionalistas pediron que se valorase a posibilidade de coordinarse co concello de Sada para que a senda continúe polo municipio veciño "toda vez que se realiza unha obra desta envergadura, consideramos que Bergondo debería coordinarse con Sada para que a senda continúe e a veciñanza poida chegar a pé ao centro do concello veciño e non rematar no noso linde" expuxo o nacionalista.