Rexeitamos no Pleno as contas propostas polo Goberno Local para o Orzamento Municipal 2020
''Non se tiveron en conta as nosas achegas, e na práctica é unha continuación de anos anteriores"
Bergondo, a 2 de xaneiro de 2019. O BNG rexeitou no Pleno as contas propostas polo Goberno Local para o Orzamento Municipal 2020. “na práctica é unha continuación de anos anteriores”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro. "O Goberno Local non tivo en conta as propostas que lles achegamos dende o BNG para a elaboración do orzamento 2020 salvo aumentar a contía das subvencións a entidades. Ademais, o orzamento recolle o aumento do gasto en retribucións ao Goberno, algo co que xa nos mostraramos desconformes, polo que non podían contar co noso apoio" engadiu Carro.
Por outra banda, o proceso de orzamentos participativos deixa sen investimento a Cortiñán e Lubre, nun caso non houbo propostas e no outro non cumprían os requisitos, "en varias ocasións solicitouse ao Goberno Local que modificase as bases dos orzamentos participativos xa que as normas establecidas non parecían as axeitadas e o tempo danos a razón. O Goberno Local castiga a Lubre e Cortiñán sen investimento" expuxo o portavoz nacionalista.
No que se refire a estrutura do orzamento, resulta imposible saber en que se vai investir o recadado xa que abusan de partidas xenéricas que dificultan a labor da oposición.
Aprobación dos Plan Provinciais e o Regulamento da Escola Infantil
No Pleno extraordinario do pasado mes o goberno presentou a aprobación os Plans a Financiar pola Deputación. "Non é razoábel destinar case a metade do Plan Único a gasto corrente cando o Concello goza de boa saúde económica, o lóxico sería investilo na súa totalidade" indicou o concelleiro do BNG, "a pesar disto, e de non ter en conta a oposición na escolla das obras decidimos absternos xa que os proxectos presentados son necesarios" indicou Carro.
En canto ao Regulamento da Escola Infantil Municipal, o BNG tamén se abstivo, mostrando o seu desacordo en dúas cuestións importantes como a consideración de familia monoparental só se non se recibe pensión do pai ou nai do menor, ou o baremo en caso de empate, no que prima máis ter un irma/irmán no centro que a situación económica, "non é xusto que teña o mesmo dereito para entrar na escola un fillo dun magnate que un dun labrego" concluíu o portavoz nacionalista.