Propuxemos construír un centro de actividades náuticas coas axudas do GALP
"Entidades como o Club de Remo Olímpico do Mandeo, cun amplo medalleiro nacional e internacional, que fan unha gran labor social, deportiva, e de promoción do noso municipio, merecen contar cunhas instalacións axeitadas, por iso consideramos que acollerse as subvencións do GALP pode ser un bo xeito de reverter a situación actual"
Bergondo, 28 de novembro de 2019. O BNG de Bergondo propón no Pleno que se celebrará hoxe unha moción para acollerse á liña de axudas do GALP para a construción dun centro de actividades náuticas. “Recentemente o GALP -Grupo de Acción Local Golfo Artabro Sur- publicou unha liña de axudas destinadas a actividades relacionadas co mar, e dentro destas un apartado para proxectos de carácter público”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.
"Cada vez temos no noso concello máis clubs e iniciativas relacionadas con disciplinas náuticas como o remo ou o surf, en parte grazas ás condicións inmellorables para estes deportes de, por exemplo, a zona do Pedrido, e debemos apoialas na medida do posíbel" indicou Carro.
"Entidades como o Club de Remo Olímpico do Mandeo, cun amplo medalleiro nacional e internacional, que fan unha gran labor social, deportiva, e de promoción do noso municipio, merecen contar cunhas instalacións axeitadas, por iso consideramos que acollerse a estas subvencións pode ser un bo xeito de reverter a situación actual", concluíu Carro.
Vía Galega: emigración
O BNG tamén trasladará ao Pleno a moción da Plataforma Social Via Galega en relación a buscar solucións a emigración da poboación galega, instando ao Parlamento Galego a tomar este asunto como un drama social e a Xunta a impulsar políticas que aseguren un traballo digno na terra e creen condicións para o retorno das persoas emigradas.