Levamos a Pleno unha moción para loitar contra os desafiuzamentos
Propoñen tamén que se adecúe a escola unitaria de Cortiñán, actualmente sen uso, como vivenda de emerxencia social e que o Concello solicite a Xunta que habilite para o mesmo uso as antigas vivendas abandonadas dos traballadores do Centro Agrario de Bos.
Bergondo, 25 de novembro de 2019. O BNG trasladará ao Pleno o vindeiro xoves unha moción con varias propostas para loitar contra os desafiuzamentos. "Por desgraza, o noso concello non é alleo a esta inxustiza, como puidemos ver hai pouco tampo cando unha nai con tres fillos a piques estivo de quedar na rúa. Entendemos que temos que facer todo o posíbel para que no futuro dispoñamos das ferramentas precisas para axudar a veciñanza que se poida ver afectada", indicou o portavoz do BNG, David Carro. "Non é de recibo que logo de rescatar aos bancos entre todos e todas, e estes non ter nin comezado a súa devolución a pesar de contar con grandes beneficios, se fagan coas vivendas da xente e manteñan a débeda", engadiu Carro.
Os nacionalistas propoñen un paquete de medidas como esixir as entidades bancarias que paralicen os desafiuzamentos e retirar as contas municipais dos bancos que desafiucen a familias de Bergondo ou elaborar dun protocolo municipal de actuación fronte a esta problemática que detalle a axuda que as persoas afectadas poden recibir do Concello ou doutras Administracións, a onde teñen que dirixirse, ... Propoñen tamén que se adecúe a escola unitaria de Cortiñán, actualmente sen uso, como vivenda de emerxencia social e que o Concello solicite a Xunta que habilite para o mesmo uso as antigas vivendas abandonadas dos traballadores do Centro Agrario de Bos.
25N: Día Internacional de Eliminación de Violencia Contra a Muller
O BNG propón tamén, noutra moción sobre o 25N, Día Internacional contra a violencia machista, que o Concello de Bergondo demande da Xunta e do Estado o incremento dos recursos económicos destinados a este fin, a mellora da atención e prevención da violencia machista, ou cambios legais para avanzar no recoñecemento da violencia sexual como violencia machista, "a violencia machista é un problema de primeira orde e compre poñer todas as medidas posibles para atallalo" expuxo o concelleiro nacionalista.
O BNG e Galiza Nova organizan un acto público o vindeiro 3 de decembro ás 20:30 h. no local social de Fiobre no que falarán sobre as violencias obstétricas.