Instamos ao Goberno Local a reparar os vestiarios da polideportiva de Lubre
“No BNG consideramos que a obra de acondicionamento non é moi custosa, e as características deste local pode dar moito servizo cos debidos arranxos”
Bergondo, 3 de outubro de 2019. No pasado Pleno Ordinario de Bergondo, o BNG instou ao Goberno Local a reparar as deficiencias que presentan os vestiarios das pistas polideportivas de Lubre. "Goteiras e humidades tanto no primeiro como no segundo piso, pintadas... fan que sexa un local case inservíbel para o seu uso no estado no que se atopa" expuxo o voceiro nacionalista David Carro.
"Logo de terse amañado a polideportiva, consideramos que se debería facer o propio cos vestiarios, a día de hoxe practicamente inutilizábeis, para dar un servizo completo a veciñanza de Lubre e doutras parroquias que poidan vir a practicar deporte", indicou Carro.
“No BNG consideramos que a obra de acondicionamento non é moi custosa, e as características deste local, con dous pisos, duchas e vestiarios no primeiro andar, e almacén no segundo, pode dar moito servizo cos debidos arranxos, facendo así unha área de lecer completa no centro neurálxico do pobo, ao situarse este preto do parque infantil e biosaudábel, a polideportiva e o local social”, engadiu o portavoz nacionalista.