Pedimos que se adapten os pasos de peóns a normativa de accesibilidade
"A maior parte dos pasos de peóns do noso municipio non están adaptados para facilitar a mobilidade para persoas con discapacidade que utilicen cadeiras de rodas ou que teñen problemas de mobilidade o que lles dificulta ou impide facer unha vida autónoma sen depender de axuda”
Bergondo, 4 de febreiro de 2019. O BNG de Bergondo ven de solicitar ao Goberno Local que adapte os pasos de peóns a normativa de accesibilidade, xa que non teñen o rebaixe para facilitar transitar ás persoas con discapacidade. "A maior parte dos pasos de peóns do noso municipio non están adaptados para facilitar a mobilidade para persoas con discapacidade que utilicen cadeiras de rodas ou que teñen problemas de mobilidade o que lles dificulta ou impide facer unha vida autónoma sen depender de axuda. Isto tamén é un problema para os carriños das crianzas. Sen ir máis lonxe o paso de peóns situado fronte a Casa do Concello, non está adaptado para facilitar a mobilidade", explicou o voceiro nacionalista David Carro.
"Consideramos que estas deficiencias poden amañarse facilmente, non requiren grandes obras nin un gasto elevado, con rebaixar a beirarrúa e corrixir desniveis quedarían subsanadas”, engadiu “e melloraría a calidade de vida das persoas con dificultades de mobilidade" indicou Carro.
“A política de espazos públicos é o máis democrático que pode facer un concello porque fai que todas as persoas sexamos iguais e teñamos as mesmas oportunidades, por iso, pedimos que o goberno local poña fin a que haxa usuarios de diferentes categorías no noso concello”, concluíu o portavoz do BNG.