O BNG pediu no Parlamento que a Xunta denegue o permiso para a instalación da planta de xestión de residuos na Obra de Paño
O lugar escollido non é o adecuado debido á súa cercanía as vivendas e os efectos negativos que pode ter en canto ao medio ambiente, máxime cando na comarca hai varios polígonos industriais con parcelas valeiras que poderían acoller este tipo de instalacións en mellores condicións e sen causar molestias
Bergondo, 3 de xuño de 2021.- O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento pedindo que a Xunta denegue o permiso para a instalación da planta de xestión de residuos na Obra de Paño que acaba de pasar o trámite de información pública. “Esta solicitude está provocando queixas e descontento entre a veciñanza da parroquia afectada e múltiples alegacións a este proxecto, entre elas as presentadas polo BNG”, explicou a deputada nacionalista, Mercedes Queixas.
“Está planta de residuos está en tramite dende 2019. O lugar escollido non é o adecuado debido as molestias que pode provocar as persoas residentes na zona pola súa cercanía as vivendas e os efectos negativos que pode ter en canto ao medio ambiente, máxime cando na comarca hai varios polígonos industriais con parcelas valeiras que poderían acoller este tipo de instalacións en mellores condicións e sen causar molestias”, explicou a deputada do BNG. “Ademais a asociación profesional de recicladores cuestiona a súa necesidade debido a que a area da Coruña conta co maior número de empresas de tratamento de residuos deste tipo de toda Galiza”.
Desde o BNG indicaron que a parcela na que a empresa prevé implantar esta planta está recollida no Plan de Ordenación do Litoral (POL) como un corredor ecolóxico, moi preto do río Maior, polo que ante un posible vertido, este podería contaminar a ría de Betanzos a través da súa desembocadura nas praias do núcleo urbano de Sada. “O proxecto non prevé ningunha medida correctora para evitar posibles vertidos ou derrames de ningún tipo tampouco prevé ningunha medida diante da clasificación dos residuos que conteñan sustancias perigosas, fora da súa clasificación visual e manual”, informou Mercedes Queixas. “Por outra parte, a zona non conta con rede de saneamento municipal”.
“O proxecto presentado non deixa claro que tipo de residuos se pretenden tratar nin se especifica que tipo de tratamento se lle vai dar aos materiais que conteñan amianto”, engadiu Queixas. Por todo isto o grupo nacionalista presentou unha iniciativa reclamando que a Xunta denegue o permiso para a instalación desta planta de residuos como ven reclamando a veciñanza e diferentes colectivos e grupos políticos.