Pedimos ao goberno local que asuma a súa responsabilidade pola súa “desastrosa” política urbanística

2017-02-16 09.21.35
Imaxe da estación de servizo á que o xulgado ven de anular a licenza

“Onte o alcalde informou do decreto para contratar unha asesoría xurídica pero non dixo canto nos vai costar á veciñanza nin porque temos que contratar este servizo privado cando a Xunta conta con persoal especializado en materia urbanística e terá tamén que facerse cargo da situación en que se atopa o Concello tendo en conta que deu o visto bo ao Plan Xeral anulado”

Pedimos ao goberno local que asuma a súa responsabilidade pola súa “desastrosa” política urbanística

Abegondo, 1 de decembro de 2017. O BNG pediu ao goberno local, despois de coñecer a anulación da licenza da gasolineira de San Marcos, que asuma a súa responsabilidade no que respecta á “desastrosa” política urbanística que se levou a cabo nos últimos anos no Concello e da que comezamos a ver as consecuencias.


“Soubemos onte que o xulgado ven de anular a licenza concedida á nova estación de servizo de San Marcos por ter sido concedida en base a un Plan Xeral tamén anulado polo Tribunal Supremo, mais as consecuencias de todo isto xa as estamos a pagar os veciños e veciñas sen que o alcalde nin o equipo de goberno asuman ningún tipo de responsabilidade”, criticou a portavoz do BNG, Cristina López. “Quen vai pagar os gastos de asesoría xurídica? Das interposicións dos recursos e das indemnizacións? Os mesmos que pagamos os recursos pola anulación dos Plans Xerais: a veciñanza”, engadiu a voceira nacionalista.


“As consecuencias da nefasta política urbanística do Partido Popular empézanse a ver pero polo de agora non vemos que o goberno asuma as súas responsabilidades nin recoñeza ningún erro”, indicou López. “Onte o alcalde informou do decreto para contratar unha asesoría xurídica pero non dixo canto nos vai costar á veciñanza nin por que temos que contratar este servizo privado cando a Xunta conta con persoal especializado en materia urbanística e terá tamén que facerse cargo da situación en que se atopa o Concello tendo en conta que deu o visto bo ao Plan Xeral anulado”.

Seriedade no deseño da normativa provisional​
Desde o BNG insistiron en pedirlle ao goberno local seriedade e responsabilidade na xestión urbanística. “Tamén onte se fixo pública a seriedade que supón pedir un aval para que o alcalde deseñe unha norma urbanística provisional sen criterio ningún máis que quen quere construír e ten cartos. Desde o BNG seguimos defendendo que a ordenación do Concello ten que facerse cuns criterios de interese xeral, de dotación de servizos e dun deseño de modelo de Concello que é todo o contrario ao espectáculo que estamos vendo”, concluíu a portavoz do BNG. 

Pedimos ao goberno local que asuma a súa responsabilidade pola súa “desastrosa” política urbanística