Demandamos “seriedade” cun novo proxecto sobre as fontes tradicionais tras fracasar o anterior
Diante do anuncio de que o concello de Abegondo xestionará unha nova concesión do programa europeo Life, nesta ocasión para as fontes do camiño inglés, o BNG reclamou ao goberno local “responsabilidade no investimento destes fondos públicos”.
Abegondo, 3 de outubro de 2017. Diante do anuncio de que o concello de Abegondo xestionará unha nova concesión do programa europeo Life, nesta ocasión para as fontes do camiño inglés, o BNG reclamou ao goberno local “responsabilidade no investimento destes fondos públicos”.
Segundo un estudo realizado polo Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña e do Laboratório de Cartografia e Geologia Aplicada do Instituto Superior de Engenharia do Porto, en fases anteriores este Plan que fora concedido para as fontes do Concello de Abegondo foi un plan parcialmente fracasado. “Un dos obxectivos era recuperar varios puntos de auga contaminados no municipio. Porén, o obxectivo non se acadou, xa que a eficiencia das medidas de restauración foi parcialmente reducida, segundo di o propio estudo”, explicou a portavoz do BNG de Abegondo, Cristina López.
O estudo recomenda “un mantemento periódico axeitado das fontes e dos colectores de auga de mananciais para manter unha boa calidade da auga que polo que parece non se ven facendo”, engadiu a portavoz nacionalista. Ademais "a definición das zonas de protección e a súa aplicación no plan xeral de desenvolvemento non é suficiente para garantir unha boa calidade da auga e recomendan un control eficiente das actividades restrinxidas”.
Este proxecto contou cun financiamento de 84 000 euros de fondos públicos e polo que indican os estudos da universidade da Coruña fracasou pola deixadez nas súas funcións do propio goberno local de Abegondo.
“Hai uns días o goberno local anunciou que conseguira por terceira vez que lle fora concedido un proxecto dentro do programa europeo Life esta vez para todas as fontes dos concellos polos que pasa o camiño inglés desde Ferrol até Compostela”, engadiu a portavoz nacionalista, quen esixiu ao goberno local “seriedade á hora de xestionar estes proxectos para evitar novos fracasos e que se sigan malgastando fondos públicos”.
“Pensamos que o mantemento e control da calidade das augas é moi importante polos problemas de potabilidade que temos e o grande uso que as fontes tradicionalmente teñen no noso País, mais despois das múltiples notas de prensa e fotos do alcalde relacionadas con este proxecto parécenos moi decepcionante o resultado”, concluíu a portavoz do BNG.