Cuestionamos o "urbanismo á carta" que pretende impor o PP en Abegondo
Hai que establecer unhas normas urbanísticas provisionais que deseñen un modelo de concello sustentábel e ordenado e non utilizar como único criterio que constrúa quen se apunte no concello e teña 1500 euros”.
Desde o BNG pedimos ao goberno local que aclare por escrito cal é a súa proposta e que deixe de crear confusión sobre se pensan ou non cobrar unha fianza e sobre en que núcleos van permitir construír.
Abegondo, 29 de setembro de 2017. O BNG criticou a proposta do Partido Popular para establecer unhas normas urbanísticas provisionais despois de que o Tribunal Supremo lle anulara o seu segundo Plan Xeral. “Pensamos que hai que establecer unhas normas urbanísticas provisionais que deseñen un modelo de concello sustentábel e ordenado e non utilizar como único criterio que constrúa quen se apunte no concello e teña 1500 euros”, criticou a portavoz do BNG, Cristina López.
“O concello de Abegondo xa leva bastantes despropósitos na ordenación do seu urbanismo para engadirlle esta loucura de que se apunte quen queira construír, e se as persoas que se apuntan son todas as que tiñan as fincas en urbano que van facer, botalo a sortes?”, ironizou a voceira nacionalista. O BNG defendeu que se deseñe unhas normas provisionais que permitan un futuro PXOM sustentábel e centrado na realidade dun concello rural como Abegondo.
Os nacionalistas consideran “que o goberno local do PP vai irresponsabilidade tras irresponsabilidade a golpe de ocorrencia na súa xestión urbanística en lugar de establecer uns criterios lóxicos sobre as necesidades reais de vivenda, servizos públicos e cara a onde debe medrar. O concello está centrado en vender favores e atender a intereses particulares máis que colectivos para facer clientelismo”.
Desde o BNG pediron ao goberno local que aclare por escrito cal é a súa proposta e que deixe de crear confusión sobre se pensan ou non cobrar unha fianza e sobre en que núcleos van permitir construír. “Esta situación esta creando máis confusión e inseguridade na nosa veciñanza e pedimos ao goberno que se reuna cos veciños e veciñas para explicar a súa proposta de normativa provisional e que a faga pública no web municipal”, concluíu a portavoz nacionalista.