O BNG traslada ao Parlamento a anulación do PXOM de Abegondo

Cristina López é a portavoz do BNG de Abegondo

 O BNG trasladou a anulación do PXOM de Abegondo polo TSXG ao Parlamento galego.

O BNG traslada ao Parlamento a anulación do PXOM de Abegondo

Abegondo, 27 de abril de 2016. O BNG trasladou a anulación do PXOM de Abegondo polo TSXG ao Parlamento galego. “A Xunta ten que aclarar que valoración fai desta anulación do Plan Xeral de Abegondo xa que foi quen o aprobou definitivamente e terá tamén que informar de que pensa facer con respecto a este tema”, indicou a portavoz do BNG de Abegondo, Cristina López.

“Onte rexistramos unha iniciativa para reclamar que a Xunta nos informe, segundo anunciou o goberno local a través dos medios de comunicación hoxe ían manter unha xuntanza con persoal da Consellería para consensuar o recurso”, explicou a portavoz nacionalista. “Desde o BNG pensamos que sería moito máis positivo que o Concello e a Xunta deixaran de gastar cartos públicos en recorrer contra a propia veciñanza e que puxeran en común como elaborar un planeamento urbanístico en Abegondo realista e sostíbel”.

“A sentenza do TSXG é esperanzadora e pensamos que tanto o Concello de Abegondo como a Xunta o que están facendo e aferrarse a un modelo urbanístico baseado na especulación que xa vemos a onde nos levou”, engadiu a portavoz, “o lóxico é que asumamos que os tempos dos “pelotazos” urbanísticos remataron e no BNG non temos nostalxia dese modelo, pensamos que é o momento de facer un deseño urbanístico acorde á realidade dos nosos concellos e sostíbel”.

 

“Desde o BNG pensamos que sería moito máis positivo que o Concello e a Xunta deixaran de gastar cartos públicos en recorrer contra a propia veciñanza e que puxeran en común como elaborar un planeamento urbanístico en Abegondo realista e sostíbel”

 

O BNG pide ao alcalde que asuma a súa responsabilidade

Desde o BNG cualificaron de “lamentábeis” as declaracións do alcalde culpabilizando a unha plataforma veciñal de paralizar o concello. “O alcalde ten que asumir a súa responsabilidade e deixar de culpabilizar á veciñanza que só defende os seus intereses, como é moi lexítimo”, criticou a portavoz do BNG, quen concluíu afirmando “é de sentido común que Abegondo, que leva perdendo poboación nos últimos anos e os vai seguir perdendo segundo o IGE non precisa esa cantidade desorbitada de vivendas e manter eses servizos sen xente é imposíbel para un Concello. Deberamos aprender dos Concellos onde se desenvolveu este modelo e vemos agora as consecuencias”.

O BNG traslada ao Parlamento a anulación do PXOM de Abegondo