Pedimos ao goberno de Abegondo un urbanismo responsábel, despois de que a Xunta lle denegase o Plan de San Marcos
“Pensamos que ten que articular formas de participación veciñal mais dunha forma transparente e deixando a un lado o clientelismo que ven até o de agora marcando toda a súa xestión”
Abegondo, 30 de maio de 2018. O BNG pediu ao goberno local de Abegondo un urbanismo responsábel, despois de coñecerse que a Xunta lle denegou o desenvolvemento urbanístico en San Marcos. “O alcalde non asumiu responsabilidade ningunha despois de que lle anulara o tribunal os dous PXOM que aprobara e que a Xunta lle tumbe todas as súas propostas urbanísticas. Está dilapidando cartos públicos da Xunta e do Concello en redactar todos estes plans e proxectos e sumindo ao concello nunha situación de inseguridade e todo sen asumir ningunha responsabilidade”, criticou a portavoz do BNG, Cristina López.
A nacionalista recordou que “xa no seu momento presentamos alegacións a este desenvolvemento urbanístico en San Marcos e advertimos da situación en que podía deixar ao Concello, mais o goberno local de Santiso Miramontes decidiu seguir adiante a pesar de todo e se se chega a atrasar uns meses a anulación do PXOM agora estaría o Concello enfrontándose a unha reclamación”.
“Non sabemos a que ven o interese do alcalde nesta urbanización mais o que está claro é que para construír un Centro de saúde non é necesario construír arredor edificios de pisos, como xa lle advertimos no seu momento, non se poden condicionar os servizos ao desenvolvemento urbanístico”, engadiu a portavoz nacionalista.
Desde o BNG pediron ao goberno local que faga as cousas ben, que se deixe de improvisacións e de urbanismos “á carta” e ordene o territorio pensando no mellor para a veciñanza. “Pedimos ao alcalde primeiro que asuma a súa responsabilidade na situación en que está o urbanismo do concello e segundo que faga as cousas de forma correcta e responsábel, aínda que polo que anunciou até o momento a empezar pola súa intención de non escoitar á veciñanza, parece que non vai na vía adecuada”, explicou Cristina López. “Pensamos que ten que articular formas de participación veciñal mais dunha forma transparente e deixando a un lado o clientelismo que ven até o de agora marcando toda a súa xestión”, concluíu.