Votamos en contra da proposta da alcaldía no pleno de organización de Oza e Cesuras
"Tamén pedimos que se modificase o día e a hora dos plenos, posto que non nos parece de recibo que se celebren os venres ás 12:00 horas, a unha hora que dificulta a asistencia das veciñas e veciños e mesmo das persoas que formamos parte da corporación"
Oza dos Ríos, 15 de xullo de 2019. O BNG de Oza dos Ríos e Cesuras votou en contra da proposta da alcaldía no pleno de organización que se celebrou esta mañá. “Esta nova lexislatura continúa con todas as delegacións transferidas á Xunta de Goberno Local, co que o pleno queda baleiro de contido", afirmou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello. "Non mudan as formas do goberno que vai seguir tomando as decisións importantes na Xunta de goberno local impedindo aos grupos da oposición participar e ter acceso á información destas xuntanzas”, criticou a portavoz nacionalista, Estefanía Busto.
"Tamén pedimos que se modificase o día e a hora dos plenos, posto que non nos parece de recibo que se celebren os venres ás 12:00 horas, a unha hora que dificulta a asistencia das veciñas e veciños e mesmo das persoas que formamos parte da corporación", explicou a portavoz nacionalista. O alcalde fala de transparencia e participación, mais cos seus feitos está demostrando unha postura moi pouco democrática", afirmou Busto
"Á vista da documentación que nos remitiron, cabe concluír que a fusión só serviu para engordar o salario do alcalde, posto que se duplican delegacións especiais nos diferentes termos municipais, isto é, que na práctica seguen a funcionar como dous concellos diferenciados", apuntou a voceira nacionalista.
En canto ao salario do alcalde, a postura do BNG foi tamén contraria, "como xa dixemos, 47 758 euros parécenos unha cifra escandalosa para un concello que apenas sobrepasa os 5 000 habitantes, á que hai que sumarlle outra dedicación de 23 879 euros", lembrou Busto. Parécenos, cando menos, pouco ético que o alcalde xustifique estas cifras pola produtividade, cando todos os proxectos da fusión están aínda por se executar", concluíu Busto.