Votamos en contra dunha nova dedicación exclusiva en Oza-Cesuras

BNG; Oza-Cesuras;
17-novembro-2018
O gasto total en órganos de goberno en Oza-Cesuras vai pasar a ser de case 90 mil euros, un despropósito. O concello non é unha axencia de colocación para que traballen os concelleiros e concelleiras do goberno. Se temos necesidade de persoal teremos que contratar empregadas públicas pero non se pode basear a política de persoal en contratar aos concelleiros e concelleiras
Votamos en contra dunha nova dedicación exclusiva en Oza-Cesuras

Oza dos Ríos, 14 de outubro de 2019. O BNG de Oza e Cesuras votou en contra da proposta da alcaldía de asignar unha nova dedicación exclusiva no pleno extraordinaro celebrado esta mañá “Desde o BNG entendemos que o gasto en órganos de goberno xa é excesivo, tendo en conta as características do noso concello, que apenas sobrepasa os 5.000 habitantes”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG.

“Votamos en coherencia co exposto no seu momento no pleno de organización, actualmente xa hai dúas dedicacións exclusivas, a do alcalde de 47.758 euros e outra máis de 23.879, estas cifras xa son de por si escandalosas, polo que sumarlle outros 18.352 euros non nos parece ético. O gasto total en órganos de goberno en Oza-Cesuras vai pasar a ser de case 90 mil euros, un despropósito” engadiu Busto.

“O concello non é unha axencia de colocación para que traballen os concelleiros e concelleiras do goberno. Se temos necesidade de persoal teremos que contratar empregadas públicas pero non se pode basear a política de persoal en contratar aos concelleiros e concelleiras”, engadiu a portavoz nacionalista.

“Por outra banda, na proposta que nos fixeron chegar non se especifica cales serán as áreas de traballo e responsabilidades que xustifiquen esta dedicación, o único que di a proposta é que “resulta de interese para o concello, mais non hai ningún informe que o avale”, afirmou Busto. “É o mundo ao revés, primeiro propoñen a dedicación e despois xa mirarán de dotala de contido”, apuntou a voceira nacionalista.

“O alcalde gábase da produtividade e boa xestión do seu equipo de goberno cando todos os proxectos da fusión están por se executar ou o Plan Xeral de Ordenación sen redactar, cando debía estar feito hai tres anos”, concluíu Busto.

 
Votamos en contra dunha nova dedicación exclusiva en Oza-Cesuras