Porque votamos en contra do orzamento para 2018 en Oza e Cesuras?
Vemos como gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 102 856 euros mentres o programa completo de fomento do emprego só conta cun orzamento de 35 554 euros. Máis de un millón de euros dos 4 944 556 do total do orzamento van destinados a privatizar servizos, isto son cartos para a empresa privada no canto de prestar servizos públicos de calidade
Oza dos Ríos, 18 de decembro de 2017. O BNG de Oza-Cesuras anunciou o seu voto en contra para a proposta de orzamento que se debaterá mañá en sesión extraordinaria. “Para comezar non se nos deu ningún tipo de participación na elaboración deste orzamento, desde o BNG defendemos a participación e que as veciñas e veciños poidan decidir en que se gastan os cartos públicos”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG.
“Vemos como gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 102 856 euros para manter o salario do alcalde -45 mil euros- a dedicación parcial dunha concelleira -22 mil- ademais de 20 mil en dietas, 10 mil en locomoción e 4 mil en gastos para atención protocolaria” informou a concelleira nacionalista “estas cifras parécennos escandalosas para un concello destas dimensións e que apenas sobre pasa os 5000 habitantes”, censurou Busto. “Mentres o programa completo de fomento do emprego só conta cun orzamento de 35 554 euros parécenos escandaloso”.
“Cuestionamos que a maior parte dos fondos para subvencións se adxudiquen ‘a dedo’ -a través de convenios nominativos. Trátase de 69.297 euros adxudicados a dedo. E tamén, como todos os anos outros 10.000 que se reserva o alcalde para facer clientelismo e que lle adxudica a quen el considere” informou a voceira nacionalista. “O xusto sería elaborar unha orde de subvencións de xeito participativo, cun acordo entre os grupos e a veciñanza, xa que se trata de cartos de todos” engadiu Busto.
“Máis de un millón de euros dos 4 944 556 do total do orzamento van destinados a privatizar servizos, isto son cartos para a empresa privada no canto de prestar servizos públicos de calidade”, concluíu Busto.