O Valedor do Pobo comproba na propia carne o despotismo e opacidade do goberno
O BNG denunciou que o goberno do PP en Oza-Cesuras segue impedindo que acceda á documentación necesaria para exercer como oposición. Das actuacións antidemocráticas e opacas do goberno municipal do PP xa non se queixa só o BNG, o propio Valedor do Pobo quéixasenos de que o goberno persiste na súa actitude de non enviar a información requerida
Oza dos Ríos, 7 de outubro de 2014. O BNG denunciou que o goberno do PP en Oza-Cesuras segue impedindo que acceda á documentación necesaria para exercer como oposición. Das actuacións antidemocráticas e opacas do goberno municipal do PP xa non se queixa só o BNG, o propio Valedor do Pobo quéixasenos de que o goberno persiste na súa actitude de non enviar a información requerida, explicou Estefanía Busto.
O BNG denunciara o pasado mes de marzo ao goberno municipal diante do alto comisionado do Parlamento por negarlle o acceso a informes e documentos técnicos de asuntos que o PP levou a Pleno para votar. Cando quixemos ver os expedientes ou pedimos copias dos informes o PP sempre nos respondeu con que o secretario non está, engadiu.
Un ano despois da farsa da fusión queda demostrado que Oza e Cesuras distan moito de ser o paraíso que vendeu Alfonso Rueda hai uns días
Ademais, os nacionalistas tamén denunciaron diante do Valedor do Pobo o secuestro de varias iniciativas rexistradas pola súa voceira Estefanía Busto. O alcalde impediu que se votasen as nosas mocións, como cando propuxemos retirar as honras públicas a Julián Lucas, alcalde condenado por estafa, indicou Busto Dopazo.
O Valedor do Pobo manifesta a Busto na súa misiva que o rexedor de Oza-Cesuras continúa negándose a contestar aos seus requerimentos a pesar de que demandamos en dúas ocasións explicacións sobre a denuncia efectuada polo BNG local. Vímonos obrigados a recordar ao citado concello o seu deber de colaborar coa institución, explica o Valedor, que engade que no caso de persistir esta actitude procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais.
Queda demostrado que o PP e González Cacheiro se comportan como se Oza dos Ríos e Cesuras fosen a súa finca particular, asegurou Estefanía Busto. A falta de transparencia deste goberno escandaliza até ao propio Valedor do Pobo, engadiu.
Como non ían darlle a tala a un amigo e como non ía haber sobreprezos nos contratos se pensan que é unha finca deles para explotala eles no seu propio beneficio
Neste sentido, engade, episodios como a tala do monte do sanatorio de Cesuras son a consecuencia lóxica desta forma de entender o Concello e o poder. Como non ían darlle a tala a un amigo e como non ía haber sobreprezos nos contratos se pensan que é unha finca deles para explotala eles no seu propio beneficio, ironiza. O PP goberna en base ao clientelismo e á falta de transparencia, apunta.
O funcionamento é opaco e a participación brilla pola súa ausencia, engade Estefanía Busto, que considera que un ano despois da farsa da fusión queda demostrado que Oza e Cesuras distan moito de ser o paraíso que vendeu Alfonso Rueda hai uns días.