Lamentamos que a Xunta acceda á petición do alcalde e retire das zonas de baño a área recreativa de Reboredo
Lamentamos que con esta postura o PP renuncie, unha vez máis, ao mantemento desta zona, que sen dúbida é un dos maiores atractivos do noso concello. O alcalde solicitara da Xunta que esta zona fora excluída segundo el por falta de medios para garantir unha correcta calidade da auga e segundo soubemos hai uns días parece que a Xunta accedeu a esta demanda
Oza dos Ríos, 26 de xullo de 2018. O BNG de Oza-Cesuras lamenta que a Xunta acceda á petición do alcalde e retire das zonas de baño a área recreativa de Reboredo de forma que xa non se farán análises periódicas da calidade da auga. “Lamentamos que con esta postura o PP renuncie, unha vez máis, ao mantemento desta zona, que sen dúbida é un dos maiores atractivos do noso concello. O alcalde solicitara da Xunta que esta zona fora excluída segundo el por falta de medios para garantir unha correcta calidade da auga e segundo soubemos hai uns días parece que a Xunta accedeu a esta demanda” informou a portavoz do BNG, Estefanía Busto.
“Con esta decisión ponse de manifesto a incapacidade do concello para manter e conservar o noso patrimonio natural e no canto disto optan por privarnos deste espazo e así evitar facer controis periódicos e controlar os vertidos. Parécenos lamentábel que a Xunta accedera a esta petición, máis se temos en conta que esta era até o momento a única zona de baño fluvial que estaba sendo controlada periodicamente en toda a comarca”, engadiu a portavoz do BNG.
“No ano 2016 houbo varios episodios de contaminación e desde o BNG demandamos ata en tres ocasións o correcto mantemento desta zona, mais o goberno do PP negouse”, explicou Estefanía Busto. “Despois destes episodios de vertidos as analíticas sempre deron un bo resultado da calidade da auga en Reboredo, mesmo a última que se publicou o ano pasado. Parece que o goberno intenta desfacerse destes controis para que non teñamos información dos vertidos que se poidan producir na zona”, criticou Busto.
A área recreativa de Reboredo sitúase nas inmediacións do río Mendo, trátase dun entorno con densa vexetación e habilitado para un uso lúdico, baño e pesca; moi visitado especialmente nos meses de verán. Despois dun importante investimento do Plan Mandeo da Deputación Provincial -138.422 euros- no ano 2010, con actuacións destinadas á mellora da contorna: desbrozar, limpar, rehabilitar a casa dos peóns camiñeiros así como no propio río; construción de pasos sobre o río que permitían que puidera cruzarse e a recuperación da piscina fluvial mediante a reparación das comportas para facer unha represa. Posteriormente, no ano 2014 desenvolveuse un obradoiro para persoas desempregadas da Consellería de Emprego e Benestar no que tamén se realizaron melloras na zona.
“A pesar destes importantes investimentos a zona non presenta un bo estado de conservación aínda que desde o BNG xa reclamamos en varias ocasións un correcto mantemento para este lugar”, engadiu Busto, “este ano, de novo xa no verán non se realizou ningunha actuación para manter a zona de recreo acondicionada, despois de todas estas actuacións e investimentos é inadmisíbel que o goberno local do PP renuncie a este espazo” concluíu a portavoz nacionalista.