O BNG reclamou que se amañen e se abran canto antes as piscinas municipais de Oza e Cesuras
O BNG presentou unha proposta no Pleno que se ven de celebrar esta mañá esixindo o amaño e a apertura das piscinas municipais tanto de Oza como de Cesuras. O PP votou en contra desta moción presentada para pedir que se abran o antes posíbel as piscinas municipais e garantir a súa gratuidade e seguridade.
Oza dos Ríos, 30 de xuño de 2014. O BNG presentou unha proposta no Pleno que se ven de celebrar esta mañá esixindo o amaño e a apertura das piscinas municipais tanto de Oza como de Cesuras. O PP votou en contra desta moción presentada para pedir que se abran o antes posíbel as piscinas municipais e garantir a súa gratuidade e seguridade.
As piscinas municipais abrían tradicionalmente a principios de Xullo, mais este ano o estado en que se encontran é desastroso e non parece que vaian a abrir polo de agora, explicou a voceira do BNG en Oza dos Ríos Estefanía Busto. As piscinas presentan un estado lamentábel con múltiples deficiencias. No caso da de Cesuras, a madeira exterior está visibelmente danada, sen tratar, con táboas rotas e levantadas, as lousas do interior están levantadas. No caso da de Oza as herbas e as silveiras alcanzan un tamaño que imposibilita o seu uso.
Busto: é importante que se garanta a seguridade das persoas usuarias e a súa gratuidade
Ademais, até o de agora a piscina municipal de Cesuras era gratuíta mentres que os veciños e veciñas de Oza tiñan que pagar polo acceso a instalación. Reclamamos tamén no Pleno que se manteña a gratuidade da Piscina de Cesuras e, visto que non se unificou esta taxa, pedimos que se faga gratuíta a de Oza xa que cobrar polo seu uso nun momento económico de crise como o que vivimos nun concello que, como di o alcalde ten superávit, parécenos inxusto, explicou Busto.
A nacionalista preguntou tamén se se contratara persoal, nomeadamente socorristas, para estas instalacións. Non nos consta que o concello teña contratado persoal nin sabemos, en caso de que abran, quen vai garantir a seguridade das persoas usuarias, indicou.
Parécenos que non é de recibo investir cartos de todos e todas en construír infraestruturas que despois se deixan abandonadas e a veciñanza sen poder utilizalas, criticou a voceira do BNG.