O BNG non acudirá ao Pleno en sinal de protesta pola falta de transparencia
O BNG non asistirá hoxe á reunión ordinaria da xunta xestora do concello fusionado de Oza-Cesuras en sinal de protesta pola actitude completamente antidemocrática do goberno local.
Oza dos Ríos, 23 de decembro de 2014. O BNG non asistirá hoxe á reunión ordinaria da xunta xestora do concello fusionado de Oza-Cesuras en sinal de protesta pola actitude completamente antidemocrática do goberno local. O PP continúa impedindo que teñamos a documentación necesaria para poder exercer con dignidade o noso papel de oposición e tomamos esta decisión no último Pleno do ano para denuncialo de forma simbólica, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG.
Van seis meses desde que o PP aprobou no Pleno a conta xeral do ano pasado e aínda a día de hoxe non se nos entregou unha copia íntegra do documento que en teoría é público, denuncia Busto. Ademais, o PP continúa sen entregarnos copia das actas de todas as xuntas de goberno e tampouco dá conta dos decretos asinados pola alcaldía, engade. Así resulta imposíbel que saibamos con que empresas ou particulares asinan contratos e facer seguimento de como gasta o goberno local, asegura.
O PP continúa impedindo que teñamos a documentación necesaria para poder exercer con dignidade o noso papel de oposición e tomamos esta decisión no último Pleno do ano para denuncialo de forma simbólica
A falta de transparencia en Oza dos Ríos, e despois en Oza-Cesuras, é unha constante que temos denunciado en reiteradas ocasións mesmo o Valedor do Pobo admitiu que o goberno local non respondía aos seus requirimentos de documentación, recorda Estefanía Busto. O PP está gobernando o Concello con total opacidade, como se fose a súa finca particular continúa a concelleira nacionalista. Coa falta de transparencia no fondo está impedindo que poidamos exercer a nosa labor de representación da veciñanza sostén.
A falta de transparencia en Oza dos Ríos, e despois en Oza-Cesuras, é unha constante que temos denunciado en reiteradas ocasións
Por este motivo, os nacionalistas tomaron a decisión de non acudir ao Pleno desta mañá para denunciar esta situación. Esperamos que co ano novo o alcalde e o seu grupo de goberno cambien as súas actitudes completamente antidemocráticas cara a oposición, porque desde logo nin legal nin éticamente se poden seguir permitindo, concluíu Busto, desexando que estas denuncias que desgraciadamente temos que vir repetindo desde hai 3 anos e medio deixen de ser necesarias e que poidamos preocuparnos de solucionar os problemas da veciñanza que é o noso labor.