O BNG denunciou a exclusión de varios nenos e nenas do servizo de comedor escolar
O BNG denunciou que haberá nenos e nenas que quedarán fóra do servizo de comedor escolar no CEIP Oza dos Ríos. Segundo nos trasladaron un grupo de nais e país o servizo de comedor escolar non admitirá a todos os nenos e nenas que o solicitaron
Oza dos Ríos, 10 de setembro de 2014. O BNG denunciou que haberá nenos e nenas que quedarán fóra do servizo de comedor escolar no CEIP Oza dos Ríos. Segundo nos trasladaron un grupo de nais e país o servizo de comedor escolar non admitirá a todos os nenos e nenas que o solicitaron, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG en Oza dos Ríos. Os pais e nais veñen manifestando o seu malestar polo funcionamento do comedor escolar, xa que algúns nenos e nenas quedan excluídos do servizo ao non haber prazas suficientes.
O comedor escolar do CEIP Oza dos Ríos depende da Consellería de educación polo que o BNG anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento galego para exixir que se lles dea unha solución. Aínda pagando por ter este servizo hai nenos e nenas que non teñen praza no comedor escolar, indicou Busto.
A nacionalista explicou que o servizo de comedor escolar deixou de ser gratuíto para establecer un copago de até 4,5 euros a partir da entrada en vigor do Decreto 132/2013, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos. Quere dicir isto que mesmo estando obrigados a pagar se lles nega un servizo público.
"Podería darse o caso de que si algún alumno que queda excluído do comedor mais é usuario do transporte escolar gratuíto tería que agardar a que remate o horario de comedor xa que só hai un bus que sae xusto ao rematar o xantar
Por outra banda, podería darse o caso de que si algún alumno que queda excluído do comedor mais é usuario do transporte escolar gratuíto tería que agardar a que remate o horario de comedor xa que só hai un bus que sae xusto ao rematar o xantar, abundou Busto. É máis os nenos e nenas que son usuarios de transporte vense obrigados a pagar o comedor porque non hai autobús antes de que remate o xantar. De maneira que teñen que pagar por un servizo de comedor e non teñen opción de elixir, a non ser que os pais e nais os vaian a recoller ao colexio, concluíu Busto.
Os recortes do ensino na comarca
Este non é un feito illado, está habendo problemas en toda a comarca. No concello de Bergondo teñen un problema similar que xa trasladamos ao Parlamento no seu momento, co servizo de comedor e o transporte escolar. En Betanzos, pretenden abrir o que ía ser un novo colexio público como un aulario do CEIP Vales Villamarín e a este colexio acuden tamén nenos e nenas de Coirós e Paderne, explicou Cristina López, responsábel do BNG das Mariñas.
É unha situación moi preocupante. Non se pode permitir que continúen recortando nalgo tan básico como a calidade do ensino dos nosos nenos e nenas, indicou. A responsábel do BNG púxose á disposición de todos os pais e nais da comarca para reclamar conxuntamente unha solución aos problemas que están causando os recortes do PP.