Defendemos a comarcalización de servizos como chave para ter máis e mellores servizos na comarca

ARUME_7428

A nosa comarca precisamente fai proba de que as fusións de concellos non solucionan ningún problema de carencias de servizos á veciñanza e que é necesario buscar outras alternativas e nós defendemos comarcalizar servizos para dar máis e mellores servizos, de forma máis eficiente, á nosa veciñanza”

Defendemos a comarcalización de servizos como chave para ter máis e mellores servizos na comarca

Betanzos, 10 de maio de 2019. O BNG sostén que “o debate provocado polo PP sobre a fusión de concellos non está a servir para solucionar nin os problemas de financiamento nin os problemas demográficos nos concellos”. “Abonda examinar a evolución de Oza e Cesuras estes últimos anos para comprobar como ningunha das bondades da fusión se cumpriu e como non se solucionou ningún dos problemas que supostamente ía amañar”, explica Manel Pérez, o candidato do BNG á Alcaldía de Paderne.

A solución pasa pola reforma do sistema de financiamento local garantindo fondos suficientes para que os Concellos poidan asumir os servizos que emprestan, por si mesmos ou de forma mancomunada, o que permite menores custos e achegar os servizos a máis persoas”, explica desde o BNG de Coirós a súa candidata, Pura Ferreño, facendo referencia ao programa comarcal que as nacionalistas elaboraron para estas eleccións.

Desde o BNG propomos a creación dunha mancomunidade cos concellos das Mariñas para comarcalizar servizos contribuíndo a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e estender os servizos públicos ao conxunto da cidadanía” explica o candidato á alcaldía de Betanzos, Henrique del Río. “Esta medida é, ademais, un paso importante cara a eficiencia no gasto público” abunda.

No BNG propoñen que esta Mancomunidade asuma servizos comarcalizados como o transporte público, incluíndo transporte nocturno e a demanda dun ferrocarril de cercanías, unha alternativa comarcal a SOGAMA baseada na reciclaxe e compostaxe, ou a planificación de servizos conxuntos relacionados coa educación- coma o conservatorio-, entre outros.

Betanzos abandonou a súa comarca natural das Mariñas, para intentar facer parte da comarca da Coruña e ten que recuperar o seu papel de cabeceira comarcal e tomar a iniciativa na posta en común de servizos e políticas públicas cos concellos da súa comarca” aseguran no BNG.

Aranga, Abegondo, Bergondo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza e Cesuras e Paderne, ademais de Betanzos, comparten estas propostas comarcais ,que se poderían estender a outros concellos do noso partido xudicial.

A nosa comarca precisamente fai proba de que as fusións de concellos non solucionan ningún problema de carencias de servizos á veciñanza e que é necesario buscar outras alternativas e nós defendemos comarcalizar servizos para dar máis e mellores servizos, de forma máis eficiente, á nosa veciñanza”, explica David Carro, cabeza de lista do BNG en Bergondo.

Consulta aquí o programa comarcal do BNG. 

Defendemos a comarcalización de servizos como chave para ter máis e mellores servizos na comarca