O BNG demanda accións decididas contra a violencia machista
O BNG fixo público que non participará na Camiñata en contra da violencia machista convocada polo Consorcio das Mariñas. Parécenos dunha hipocrisía tremenda que o Partido Popular convoque unha camiñata coincidindo co Día Internacional contra a violencia machista, mentres leva anos recortando nos fondos para igualdade e para loita contra a violencia
Betanzos, 21 de novembro de 2014. O BNG fixo público que non participará na Camiñata en contra da violencia machista convocada polo Consorcio das Mariñas. Parécenos dunha hipocrisía tremenda que o Partido Popular convoque unha camiñata coincidindo co Día Internacional contra a violencia machista, mentres leva anos recortando nos fondos para igualdade e para loita contra a violencia, explicou Vitoria Louro, responsábel de acción feminista do BNG na Comarca da Coruña.
O PP no goberno do estado recortou un 45% os orzamentos en igualdade entre os orzamentos dos anos 2013 e 2014, indicou Louro, o orzamento destinado a previr a violencia contra as mulleres reduciuse un 30% desde que o PP chegou a presidencia do goberno. E con estes datos convocan camiñatas como se iso fose a ser solución para os problemas das mulleres.
Na proposta de orzamentos para o ano 2015, propoñen aumentar as partidas para loita contra a violencia machista un 6.8% despois de recortalas nun 30%, criticou a responsábel do BNG. Estas camiñatas un día no ano son simplemente un intento do PP de lavarse a cara diante das mulleres. Contra a violencia machista hai que comprometerse todo o ano non simplemente cunha foto o día 25 de novembro.
Un paseo un domingo non fai nada para evitar que sigan asesinando mulleres
As cifras dos orzamentos da Xunta amosan tamén significativas caídas das partidas destinadas a políticas de igualdade e de conciliación familiar. Nun primeiro caso, desde 2009 os recursos para igualdade pasou de 31 a 5,8 millóns de euros e o programa de conciliación familiar cae de 5,2 a 1,2 millóns de euros, indicou Vitoria Louro. Esta política do PP está dificultando na práctica a posibilidade das mulleres de separarse do seu agresor nun contexto de crise económica como a que vivimos a dependencia económica imposibilita na práctica as denuncias.
O PP aposta por unha sociedade segregada, perpetuando roles, financiando aos centros que segregan por sexos. Fronte ao recorte en igualdade e conciliación familiar, medran os gastos en altos cargos e persoal de gabinete, dos departamentos de dirección, asesoramento xurídico, indicou Louro.
Críticas ao goberno local de Betanzos
O PSOE que coorganiza desde o goberno local de Betanzos esta camiñata e que participa nas decisións do consorcio das Mariñas está avalando estas políticas do Partido Popular, indicou Henrique del Río, portavoz do BNG en Betanzos.
O goberno do PSOE en Betanzos negouse durante estes 3 anos e medio, a pesar da proposta do BNG, a que se habilitara unha liña de axudas específica para asociacións que traballan a prol da igualdade e contra a violencia machista, criticou.
O PSOE desde o concello de Betanzos non dedicou nun só euro no seu orzamento á loita contra a violencia machista
Ademais, no orzamento municipal que aprobaron este ano non aparece un só euro para loita contra a violencia machista nin para levar á práctica o Plan de igualdade - que aprobaron o 8 de marzo de hai tres anos, como medida publicitaria polo día da muller- . O BNG presentou unha emenda a este orzamento reclamando unha partida para este fin, mais o goberno local negouse a debatela e a incorporala, explicou Del Río.
Con estas actuacións o PP e o PSOE póñense de acordo para facerse unha foto o Día Internacional contra a violencia machista mentres o resto do ano se esquecen deste tema e abandonan ás mulleres que están sufrindo os seus recortes o resto do ano, explicou.
Ningún avance na loita contra a violencia machista
O documento que nos propoñen asinar e exactamente o mesmo palabra por palabra que propuxeron o ano pasado. A proposta consiste en asinar o mesmo pacto social que o ano pasado polo que vemos e as medidas concretas tamén son exactamente as mesmas xa que o texto e o mesmo palabra por palabra, criticou Vitoria Louro, e vergoñenta a deixadez e falta de compromiso con que tratan un tema tan grave coma este.
Era evidente que un pacto local que se reduce a unha declaración formal e unha serie de campañas publicitarias e estudos, así como unha andaina anual contra a violencia coincidindo co día 25 de novembro, non ían modificar en nada a situación das mulleres, indicou a voceira nacionalista,mais parécenos vergoñento que non modificaran unha soa coma nin introduzan ningunha avaliación das campañas publicitarias emprendidas.
Un autocolante de adhesión para o consorcio, concellos, centros educativos, asociacións, centros de saúde, empresas e sindicatos vai facer tanto pola protección das vítimas e pola igualdade real como un valo publicitario por modificar a pirámide demográfica do Concello onde o presidente do Consorcio é alcalde, concluíron desde o BNG.