O BNG de Bergondo proporá incluír a feira de artesanía no Festival Folk
Bergondo, 2 de maio de 2013. A asemblea local do BNG de Bergondo presentará no rexistro municipal unha proposta para optimizar recursos e, ao mesmo tempo, potenciar o Festival Folk de Guísamo, que se celebra no mes de agosto.
Debido a que este ano o Concello non vai celebrar a feira de comercio e artesanía Incoart que todos os anos se celebraba no polígono industrial a mediados deste mes de maio, desde o BNG de Bergondo propoñemos que o Concello, en colaboración coa asociación de artesáns das Mariñas, inclúa a feira de artesanía dentro do festival folk, explicaron os nacionalistas. Sería un xeito de optimizar recursos, xa que esta medida non tería un custo moi elevado e potenciaríase ademais o festival, indican.
Sería un apoio para que moitos dos artesáns cos que conta a nosa comarca poidan dar saída as súas creacións, indicaron. Bastante mal o están pasando os artesáns e autónomos, como para que ademais teñan que ser prexudicados pola falta de colaboración da Deputación, aseguran.
Xa que este ano non se vai celebrar Incoart, que se inclúa a artesanía no Festival Folk
Desde o BNG criticaron tamén que o PP desde a Deputación e o goberno local de PSOE e VB se pasen a pelota botándose a culpa mutuamente en lugar de buscar alternativas, prexudicando aos mesmos de sempre.
Os nacionalistas propoñen tamén dar entrada a postos de libreiros ou música e mercado de produtos locais que pagasen unha cota simbólica. Sería importante tamén incluír postos de libros ou música que sirvan para potenciar a cultura do país, ao mesmo tempo que axuden a xerar ingresos para facer fronte aos gastos do festival, concluíron.