"A lingua de Rosalía debe estar presente os 365 días ao ano e non servir como lavado de cara"
Parécenos tremendamente hipócrita que sexa o PP quen leve unha iniciativa ao Pleno para celebrar o día de Rosalía cando é este partido político é o principal culpábel da situación de abandono en que se atopa hoxe o noso idioma
Miño, 17 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas abertas parabenizou o goberno municipal pola celebración do día de Rosalía que ven de aprobar o pleno, aínda que unha pouco de coherencia na promoción da lingua non viña mal, engadiu a portavoz do BNG-Asembleas abertas, Olalla Barro.
Parécenos tremendamente hipócrita que sexa o PP quen leve unha iniciativa ao Pleno para celebrar o día de Rosalía cando é este partido político é o principal culpábel da situación de abandono en que se atopa hoxe o noso idioma, explicou Barro. Ademais onte mesmo publicitaron o acto público para conmemorar este día o cal quere dicir que xa o tiñan organizado. É unha mágoa que utilicen o Pleno do Concello para facer propaganda das actividades que proxectan con cartos públicos.
Desde o BNG-Asembleas abertas tamén reclamaron coherencia ao goberno local no uso da lingua e na súa promoción. Esperamos que o goberno de Miño por fin use a lingua galega na súa actividade diaria, a comezar polo seu alcalde e o tenente de alcalde, engadiu Barro, e que esta iniciativa non fique simplemente nun acto propagandístico e de lavado de cara do goberno local. A lingua de Rosalía debe estar presente os 365 días do ano e non de maneira puntual nin residual.
Desde o BNG-Asembleas Abertas animan a apoiar a moción elaborada pola Mesa pola Normalización Lingüística para instar a Xunta de Galiza a abandonar unha política lingüística que conduce ao exterminio da lingua
Apoio á proposta da Mesa pola normalización lingüística
Desde o BNG-Asembleas Abertas animan a apoiar a seguinte moción elaborada pola Mesa pola Normalización Lingüística para instar a Xunta de Galiza a abandonar unha política lingüística que conduce ao exterminio da lingua de Rosalía, como recoñece o propio Consello de Europa.
A moción insta á Xunta de Galiza a:
Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa, e exixir do Estado español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Consello de Ministros.
Dar os pasos necesarios para cumprir co sinalado na alínea 640 do informe que afirma que o decreto 79/2010 de plurilingüísmo contradí o estabelecido na Carta, e o punto 5º da resolución do Consello de Ministros, onde sinala que a introdución dunha terceira lingua no ensino non pode afectar negativamente á propia.
Elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.
Que mentres non se elabora o novo decreto, modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas.
-Garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades.