Criticamos a subida de impostos que ven de aprobar o goberno local de Miño
O BNG criticou a subida de impostos que ven de aprobar o goberno local de Miño. “Parécenos un escándalo que se faga pagar a toda a veciñanza pola débeda acumulada para favorecer a unha empresa privada”, explicou a portavoz do BNG de Miño, Olalla Barro, despois de coñecer que o Pleno aprobou a subida na taxa do lixo e no IBI.
Miño, 18 de outubro de 2017. O BNG criticou a subida de impostos que ven de aprobar o goberno local de Miño. “Parécenos un escándalo que se faga pagar a toda a veciñanza pola débeda acumulada para favorecer a unha empresa privada”, explicou a portavoz do BNG de Miño, Olalla Barro, despois de coñecer que o Pleno aprobou a subida na taxa do lixo e no IBI.
“Xa no concreto parécenos aínda máis sen sentido a emenda do PP, que ven de aprobar co apoio do alcalde, sobre a subida do IBI. Aprazan até 2019 a subida ao 0,80 dos tipos diferenciados para inmobles de alto valor catastral -almacéns, garaxes e solares que superen os 200 000 euros; locais comerciais e industriais cun valor catastral superior aos 250 000 euros e os de ocio e hostalería de máis de 600 000- porque grazas ao ‘catastrazo’ van poder pagar o préstamo do Estado só con subirnos a todas o IBI ao 0,60 e a taxa do lixo”, explicou Barro.
“No BNG entendemos que se a alguén hai que favorecer en todas as taxas e mais concretamente no IBI será as persoas cunha peor situación económica ou familias en risco de exclusión social, mais desde logo non entendemos que se evite a subida para os locais de alto valor catastral mentres a quen ten un apartamento de 50 m2 se lle sube o 0,10”, criticou a portavoz do BNG.
A nacionalista insistiu en considerar un despropósito e froito da improvisación toda a política económica de Ricardo Sánchez e o Partido Popular. “Entendemos que antes de levar unha proposta de plan económico-financeiro haberá que saber concretamente canto precisamos recadar e non chegar cunha emenda dun dos grupos de goberno no propio Pleno que ademais só busca favorecer aos que máis teñen a costa de que paguemos todo o resto”, engadiu a portavoz nacionalista.
Intereses da débeda de FADESA
“Temos que pagar a débeda que temos coa veciñanza que foi expropiada para favorecer os intereses dunha empresa privada, e tamén teremos que pagar os intereses, porque xa foron ao xulgado e xa hai unha sentenza que obriga ao concello. Se en vez de gastar cartos públicos en presentar recurso tras recurso se pedise responsabilidades a quen tomou esta decisión e se actuase de forma responsábel non teriamos acumulada a cantidade de intereses que agora temos que pagar”, concluíu a portavoz do BNG, “É de todo impresentábel intentar culpabilizar aos veciños e veciñas expropiadas mentres as persoas responsábeis seguen no goberno apoiando ao actual alcalde”. "Precisamente é por isto que nos suben a toda a veciñanza a contribución para o ano que ven, mentres que a quen sacou solares enormes en Costa Miño Golf a prezo de saldo xa verán o ano que ven se llo suben para 2019", puntualizou.