Olalla Barro: "É a Xunta quen debe facerse cargo da débeda millonaria de Costa Miño Golf"

Desde o BNG-Asembleas abertas seguen insistindo en que "os afectados de Fadesa teñen que cobrar, mais non á custa de recortes contra toda a veciñanza".

Olalla Barro: "É a Xunta quen debe facerse cargo da débeda millonaria de Costa Miño Golf"

Miño, 20 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas abertas en resposta ao artigo enviado polo alcalde aos medios de comunicación, insistiu como xa fixera no momento da aprobación do plano de axuste e no seu boletín en que "o fondo que concede o Estado é a cambio de impor recortes en servizos básicos en contra dos intereses da maioría social".

"O fondo que concede o Estado é a cambio de impor recortes en servizos básicos en contra dos intereses da maioría social e vai significar hipotecar o concello máis dunha década", explicou Olalla Barro, voceira do BNG-Asembleas abertas. "O Concello vai estar obrigado realizar un plan de axuste neoliberal que vai saír do peto de todos e todas nós" asegura.

Desde o BNG-Asembleas abertas seguen insistindo en que "os afectados de Fadesa teñen que cobrar, mais non á custa de recortes contra toda a veciñanza. Unha débeda privada non pode converterse en pública e menos nun administración local cando hai outras administracións como a Xunta de Galiza que tamén teñen responsabilidades na tramitación da urbanización", indicou a nacionalista.

As nacionalistas criticaron tamén que o alcalde utilice os medios públicos do Concello pagados con cartos de toda a veciñanza para facer publicidade das súas propostas e atacar a outros grupos políticos, neste caso ao BNG-Asembleas abertas.

"Os intereses que xera a débeda, polos nosos calculos estimamos que uns 600 000 euros ao ano, son máis dos 400 000 que pode pagar o Concello recortando en servizos públicos. É dicir que aínda con estes recortes non poderemos sequera asumir o pago dos intereses e a debeda do Concello seguirá medrando", indicou Olalla Barro.

Desde o BNG-Asembleas abertas insistiron en que a estafa de Fadesa foi a maior estafa da historia de Miño e esta non pode subsanarse cunha estafa aínda maior. O desastre ocasionado pola quebra desta construtora adquiriu unhas dimensións que un concello como Miño non pode afrontar, por iso o BNG exíxelle á Xunta que asuma a súa responsabilidade por propiciar este gravísimo desfase en tesoureria ao ter aprovado este macroproxecto urbanístico, sendo cómplice dun modelo urbanizador depredador, inxusto e devastador. É a Xunta quen debe facerse cargo desta débeda millonaria. Sen un plan extraordinario doutras administracións é imposíbel pagar unha débeda de 25 millóns de euros xerando como moito 400.000 euros/ano recortando gastos imprescindíbeis.

Propaganda con cartos públicos

As nacionalistas criticaron tamén que o alcalde utilice os medios públicos do Concello pagados con cartos de toda a veciñanza para facer publicidade das súas propostas e atacar a outros grupos políticos, neste caso ao BNG-Asembleas abertas. "Á falta de transparencia e participación coa que o actual alcalde está a traballar neste tema temos que engadir unha falta de ética pasmosa ao malgastar cartos públicos, na situación en que se encontra o Concello, para enviar unha carta á veciñanza atacando a grupos da oposición ou en manter unha web municipal que en vez de dar información aos veciños e veciñas sirve para facer propaganda", criticou Olalla Barro.

 

Olalla Barro: "É a Xunta quen debe facerse cargo da débeda millonaria de Costa Miño Golf"