O BNG-Asembleas abertas de Miño homenaxea a Antón Crestar Faraldo
O BNG de Miño conclúe o ciclo "Miño rebelde" cun acto para divulgar a figura de Antón Crestar Faraldo, grande activista pola dignificación da nosa lingua e da nosa nación. Para isto contamos con Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña e director da revista Murguía
Miño, 21 de outubro de 2015. O BNG de Miño conclúe o ciclo "Miño rebelde" cun acto para divulgar a figura de Antón Crestar Faraldo, grande activista pola dignificación da nosa lingua e da nosa nación. Para isto contamos con Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña e director da revista Murguía, que falará sobre "O galeguismo no Uruguai. Antón Crestar Faraldo: da emigración ao exilio político". Será o venres 23 de outubro ás 19.00 no centro social da Rúa, en Miño.
Antón Crestar Faraldo naceu en 1896 en Telle, Miño. Con nove anos ten que traballar como peón na vía do tren Betanzos-Ferrol. Con once anos embarca nunha traíña para a pesca da sardiña. En 1910 chega por primeira vez a Montevideu para buscar un futuro mellor. En 1934 é cofundador da Irmandade Galeguista do Uruguai, filial neste país do Partido Galeguista e dirixe o seu voceiro "O Irmandiño". En 1940 coñece a Castelao. Estará presente no pacto de Galeuzca e na fundación do Consello de Galiza. En 1950 cofunda e participa no programa de radio Sempre en Galicia para difundir o pensamento do Guieiro e que acabará por se converter no programa na nosa lingua máis antigo do mundo. En 1961 será o principal impulsor da designación da Escola Pública 43 co nome de Galicia, cando só se autorizaba nomes de países oficialmente recoñecidos. En 1964 doa ao Padroado da Cultura Galega o xeso orixinal do busto de Castelao realizado por Escudero. Este busto será fundido en bronce e obsequiado á vila de Rianxo o 25 de xullo de 1975. Será grande amigo de Xesús Canabal e de Ramón Suárez Picallo. Ao final da súa vida doará a súa biblioteca ao concello de Miño con primeiras edicións de clásicos da nosa literatura. Será nomeado Fillo predilecto de Miño en maio de 1982.
O BNG de Miño conclúe o ciclo "Miño rebelde" cun acto para divulgar a figura de Antón Crestar Faraldo con Uxío-Breogán Diéguez o venres 23 de outubro ás 19.00 no centro social da Rúa.
"Antón Crestar Faraldo foi unha persoa exemplar, un dos bos e xenerosos e con esta conferencia queremos dar a coñecer a súa figura e a súa traxectoria na súa vila natal, Miño", explicou Olalla Barro, portavoz do BNG-Asembleas abertas. "Convidamos a toda a veciñanza a coñecer máis a fondo a figura de Crestar Faraldo", concluíu Barro.