O BNG-Asembleas Abertas de Miño esixe o inmediato amaño do subministro de auga en Costa Miño Golf
O BNG-Asembleas abertas de Miño reclamou hoxe o amaño do subministro de auga na urbanización Costa Miño-Golf despois de recibir queixas da veciñanza.
Miño, 22 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas abertas de Miño reclamou hoxe o amaño do subministro de auga na urbanización Costa Miño-Golf despois de recibir queixas da veciñanza.
Unha familia da urbanización de Costa Miño-Golf leva máis de cinco días sen auga. A empresa concesionaria, Espina y Delfín, non quere facerse cargo do amaño porque a avaría é no entronque, xusto na derivación da vivenda, explicou a voceira do BNG-Asembleas abertas Olalla Barro. É evidente que non vai ser un particular que se poña a levantar a beirarrúa. O subministro de auga é unha competencia municipal básica e toda a veciñanza ten dereito ao seu uso, é o concello o responsábel último desta situación.
Desde o BNG-Asembleas Abertas de Miño esiximos que de maneira inmediata o alcalde Ricardo Sánchez garanta o dereito a este ben básico para a vida. A veciñanza está farta de escusas e moi preocupada polo precedente que senta esta nova actuación disparatada da empresa concesionaria, explicou Barro, esta empresa é a mesma que está a ser xulgada polo sobrecusto das obras do bulevar, e a súa xestión dun servizo público con cartos de todas resulta pouco transparente e irregular.
Desde o BNG-Asembleas Abertas alentamos a rescatar para o sector público o servizo privatizado de abastecemento de auga diante do malestar que existe entre a veciñanza pola mala calidade do servizo
Desde o BNG-Asembleas Abertas alentamos a rescatar para o sector público o servizo privatizado de abastecemento de auga diante do malestar que existe entre a veciñanza pola mala calidade do servizo. A auga non é un negocio, é un ben público, social e gratuíto e un dereito humano esencial e pensamos que o Concello ten que garantir un servizo de calidade, concluíu Barro.