O BNG criticou a resposta do Goberno do PP ás preguntas presentadas sobre o recheo da praia
BNG criticou a resposta do Goberno Central do PP ás preguntas presentadas sobre o polémico recheo da praia de Miño, ao inicio do verán. O grupo parlamentar do BNG presentara no mes de maio unha serie de preguntas diante do goberno do Estado, responsábel dese recheo.
Miño, 28 de agosto de 2014. O BNG criticou a resposta do Goberno Central do PP ás preguntas presentadas sobre o polémico recheo da praia de Miño, ao inicio do verán. O grupo parlamentar do BNG presentara no mes de maio unha serie de preguntas diante do goberno do Estado, responsábel dese recheo.
Na súa resposta o goberno do Estado afirma que o recheo é necesario para evitar a desaparición das dunas e garantir a estabilidade da praia, indicou Henrique Abraira do BNG de Miño, o goberno central admite que a area achegada é de diferente tamaño que a orixinal da praia pero afirman que será mais axeitada porque vai producir un efecto paliativo da erosión e de protección da praia.
Na súa resposta o goberno recoñece que xa se botaran na praia grande de Miño 90 000 m3 de area no ano 2000, a sumar aos 50 000 achegados este verán. O que botamos en falta é un compromiso de levar a cabo un estudo serio das mareas na Ría e das causas desa necesidade de achegas de area na praia, demandou Henrique Abraira, porque na garante que cos primeiros temporais do inverno non nos atopemos con que o mar levou de novo a area. Sería importante saber porque leva esa cantidade de area e onde a esta depositando antes de seguir a estragar a praia e a malgastar cartos públicos.
Botamos en falta un compromiso de levar a cabo un estudo das mareas na Ría e das causas da necesidade de achegas de area á praia
O que xa resulta sorprendente é que o estado afirme que é mellor a area con pedras e restos de construción que achegou hai uns meses que a das marismas do Baxoi, que forma parte do mesmo ecosistema. Ademais, que é unha auténtica tomadura de pelo, un experimento no ano 2000 e outro agora, criticou Abraira.
Finalmente desde o BNG exixiron ao departamento de Costas un estudo serio da situación da Ría de Betanzos, tanto da calidade das augas como das propias mareas e os motivos da constante necesidade de achegas de area. O primeiro que precisamos e un análise real da situación e despois que se tomen medidas para preservar os nosos recursos naturais, concluíu Abraira.