O BNG criticou a tarifa a ORA aprobada por PSOE e PP
O BNG criticou a tarifa a ORA aprobada por PSOE e PP. Xa dixemos no seu día que non estabamos de acordo con cobrar por estacionar na praia pero ao vermos a ordenanza concreta parécenos escandaloso
Miño, 24 de xuño de 2014. O BNG criticou a tarifa a ORA aprobada por PSOE e PP. Xa dixemos no seu día que non estabamos de acordo con cobrar por estacionar na praia pero ao vermos a ordenanza concreta parécenos escandaloso, indicou Henrique Abraira, do BNG de Miño.
Cobrarlle á xente catro euros por aparcar, sexan cinco minutos ou doce horas, parécenos moi inxusto, explicou. Ademais, cuestionan que paguen exactamente o mesmo unha persoa que estea no desemprego e un multimillonario. Isto nos tempos que corren non ten defensa posíbel, engade.
Non ten pés nin cabeza pagar o mesmo por aparcar 4 minutos que por aparcar 12 horas, nin que pague o mesmo unha persoa desempregada que un multimillonario
Cobrarlle dez euros á veciñanza de Miño por unha tarxeta de residentes que non dá dereito a estacionamento reservado para residentes é un escándalo, abunda. Os nacionalistas aseguran que, á vista das tarifas establecidas na ordenanza aprobada por PSOE e PP, preténdese exprimir a veciñanza e visitantes para tapar o furado da condena polas expropiacións de FADESA. E iso se ven alguén este verán á praia, porque co recheo que lle están facendo perderá boa parte do seu atractivo, ironiza Abraira.
Desde o BNG reclaman ao goberno local do PP que expliquen, ademais, de onde saíu a concesionaria deste estacionamento da que fala hoxe a prensa. Os nacionalistas recordan que o goberno do PP asegurou que ía ser xestionada directamente polo Concello e non nos consta ningún concurso para privatizar este estacionamento. Despois vemos todos os días escándalos relacionados con determinados servizos como o da ORA nos concellos da comarca, engade Abraira.
Os nacionalistas exixiron unha tarxeta especial para persoas desempregadas e aparcamentos reservados para a veciñanza
Por todos estes motivos, os nacionalistas reclamaron que se se vai implantar a ORA na praia, do que estamos en contra, polo menos se busquen vías para facer esta medida máis xusta. Parécenos que o mínimo sería que non se lles cobrase as persoas desempregadas, o que podería facerse a través dunha tarxeta especial acreditando a condición de desempregado ou que se reserven aparcamentos para residentes.
Non entendemos onde está a mellora se agora todos imos ter que pagar por algo que tiñamos de balde, conclúe Abraira.