O BNG apoia a mobilización veciñal contra o recheo na praia Grande
O BNG amosou o seu respaldo á mobilización veciñal en contra do recheo da praia de Miño. Os nacionalistas alertan do risco que para o medio ambiente supón depositar centos de metros cúbicos de area na praia. Esta actuación só busca un resultado estético e encubrir os verdadeiros problemas que ten o principal activo económico de Miño
Miño, 29 de maio de 2014. O BNG amosou o seu respaldo á mobilización veciñal en contra do recheo da praia de Miño. Os nacionalistas alertan do risco que para o medio ambiente supón depositar centos de metros cúbicos de area na praia. Esta actuación só busca un resultado estético e encubrir os verdadeiros problemas que ten o principal activo económico de Miño, explicou Henrique Abraira.
Ademais, os nacionalistas mesmo dubidan de que ese obxectivo estético e ornamental se cumpra con este recheo debido á cor e características da area que se está a empregar.
Os nacionalistas advirten do impacto deste recheo sobre a actividade marisqueira na zona e alertan de que no vindeiro inverno boa parte destes depósitos acabarán novamente polo fondo da ría. Entenden que máis que solucionar un problema, o recheo que promove o PP vai traer máis problemas.
Faremos canto estea na nosa man diante deste recheo
Neste sentido, desde o BNG de Miño recordan como parte da area da praia Grande acabou desprazada cara dentro da ría. Ou é que alguén pensa que a area que se depositou no porto e que impide usar a dársena en marea baixa naceu aí ironizou Abraira. Os nacionalistas xa teñen sinalado en múltiples ocasións como o dique de abrigo do porto de Sada ten provocado a alteración das correntes en toda a ría, cuxos efectos síntense mesmo nos peiraos de Betanzos.
Desde logo, a veciñanza ten todo o noso apoio e faremos canto estea na nosa man diante deste recheo, explicou o nacionalista. Neste sentido, o BNG adiantou que presentará senllas iniciativas no Parlamento de Galiza instando á Xunta a reconsiderar estas actuacións polo seu impacto no medio e na actividade marisqueira.
O BNG reclama no Congreso que se pare o recheo
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou esta mañá unha iniciativa parlamentar para demandarlle ao Ministerio de Agricultura que paralice canto antes a reposición de area na Praia Grande de Miño, que se está a facer con area gris. Rosana Pérez traslada ao Ministerio o grande malestar manifestado pola veciñanza, habitantes da zona e ecoloxistas polas obras da Demarcación de Costas para a restauración dos áridos neste areal, moi afectado polos fortes temporais do inverno.
O BNG presentou unha iniciativas no Congreso dos Deputados instando ao Ministerio de Medio Ambiente a parar o recheo. Presentará outra iniciativa no Parlamento de Galiza
A parlamentar do BNG recolle a contrariedade existente na comarca polo aporte de area de cor gris que se levou a cabo na tarde noite do martes pasado. Admitindo o propio alcalde que fora informado polas administracións competentes polo aporte deste tipo de area non natural pero que se lle indicou que é o que hai.
A deputada do BNG salienta que este areal é un auténtico reclamo turístico que sofreu os embates dos fortes temporais, razón pola que a Demarcación de Costas comezou os traballos de reposición de area para que a praia estea lista para o verán. Máis, lamentou, non se poden facer as cousas deste xeito empregando un tipo de áridos inadecuado que dará un aspeito moi distinto á principal praia de Miño e que cambiará o seu perfil de sempre.
A deputada nacionalista expresa o temor da veciñanza a que o cambio de aspeito do areal se convirta nun elemento disuasorio para o turismo tradicional que visita habitualmente a zona. Lembra que esta praia conta con bandeira azul.
Dada a preocupación existente na comarca, Rosana Pérez traslada ao Ministerio unha serie de cuestións para saber por que motivo se está a empregar este tipo de area gris, e para demandarlle que paralice canto antes as actuacións até lograr áridos axeitados. Non cre que se trata dun auténtico atentado ecolóxico repoñer este areal con area gris?.