Preguntamos pola posíbel redución de frecuencias e paradas no servizo publico de bus que atende Coirós
“Esta redución do servizo ocasionaría graves prexuízos para as persoas que habitualmente utilizan este medio de transporte para desprazarse a localidades veciñas, nomeadamente Betanzos, mais tamén á Coruña ou en sentido Lugo”
Coirós, 30 de novembro de 2017. Recentemente varias persoas usuarias do transporte público rodoviario en Coirós, atendido pola empresa Arriva, teñen manifestado a súa inquedanza por un posible recorte nos servizos.
A información recibida refírese a posibles recortes nas liñas ou nas paradas. “Esta redución do servizo ocasionaría graves prexuízos para as persoas que habitualmente utilizan este medio de transporte para desprazarse a localidades veciñas, nomeadamente Betanzos, mais tamén á Coruña ou en sentido Lugo” indica a portavoz nacionalista Pura Ferreño.
Estes desprazamentos fanse por cuestións laborais mais tamén para realizar trámites nas administracións públicas, asuntos económicos e tamén sanitarios. Non esquezamos que o Hospital Universitario da Coruña é o centro de referencia para esta comarca.
Dada a importancia do asunto, e que xa noutras localidades veciñas se fixeron intentos de reducir os servizos, o BNG ven de presentar unha serie de preguntas diante do goberno municipal sobre o tema.
“É imprescindible que o Concello de Coirós teña información precisa do que está a preocupar ás persoas usuarias do servizo e que contacte coa empresa para aclarar ben a situación. Así mesmo deberá tomar as medidas pertinentes para evitar unha merma na frecuencia e calidade do servizo de transporte público que temos agora mesmo en Coirós” manifesta a concelleira do BNG.