Pura Ferreño elixida por unanimidade candidata do BNG á alcaldía de Coirós

BNG, Coirós
11-novembro-2018
Pura Ferreño con compañeiros e compañeiras do BNG de Coirós

“Temos un traballo continuo nos últimos anos para mellorar a vida da veciñanza de Coirós, como o noso traballo reclamando obras para garantir a seguridade viaria no cruce de Queirís, as peticións dun transporte público polas parroquias, o punto limpo supramunicipal ou as peticións para que se cubra o patio do centro de saúde”

Pura Ferreño elixida por unanimidade candidata do BNG á alcaldía de Coirós

Coirós, 16 de novembro de 2018.  A Asemblea local do BNG en Coirós ven de designar por unanimidade de novo a Pura Ferreño Saia como candidata á alcaldía de Coirós. Pura Ferreño Saia, actual portavoz do BNG en Coirós, vive en Coirós de abaixo e encabeza un proxecto pensado para acabar coa política “clientelar” do actual alcalde e chegar ao goberno para democratizar o concello de Coirós.

A Pura Ferreño Saia acompañarana na candidatura a tamén concelleira nacionalista, Sonia López Marcote, o veciño de Colantres Pablo Bugia López e Carmen Tomé Darriba. “Presentámonos con ilusión para seguir dando esperanza e alternativa a este goberno do Partido Popular que só pensa en manterse no poder a toda costa e que utiliza os cartos públicos para mercar vontades”, explicou a candidata nacionalista.

“Temos un traballo continuo nos últimos anos para mellorar a vida da veciñanza de Coirós, como o noso traballo reclamando obras para garantir a seguridade viaria no cruce de Queirís, as peticións dun transporte público polas parroquias, o punto limpo supramunicipal ou as peticións para que se cubra o patio do centro de saúde”, engadiu. “Nesa liña seguiremos traballando os meses que quedan, e convidamos a toda a veciñanza a unirse a nós porque cremos no noso concello e sabemos que podemos ter mellores servizos e condicións de vida dignas no rural”, concluíu a candidata do BNG. 

Pura Ferreño elixida por unanimidade candidata do BNG á alcaldía de Coirós