Demandamos melloras na seguridade viaria na estrada N-VI ao seu paso pola Casa do Concello de Coirós
As concelleiras nacionalistas veñen de rexistrar unha moción para que se demande ao Ministerio de Fomento a delimitación adecuado das zonas de estacionamento a carón da Casa Consistorial e así garantir unha boa visibilidade nas incorporacións desde os camiños municipais
Coirós, 14 de novembro de 2018. O BNG solicita que se prohiba o aparcamento no arcén da N-VI á altura da casa do concello, para garantir a visibilidade ás persoas que se incorporan desde os cruces a estrada principal.
“As nacionalistas tomamos a iniciativa ante o terríbel risco que representa incorporarse á estrada xeral no lugar do Cruceiro desde os camiños que veñen do Monte do Seixo e de Coirós de Abaixo debido aos coches mal estacionados” afirma Sonia López
Segundo palabras da voceira nacionalista Pura Ferreño “é imprescindíbel que se delimiten ben as zonas de estacionamento preto da Casa do Concello para garantir a perfecta visibilidade cando se accede á estrada xeral desde os camiños municipais”.
“O BNG de Coirós ten denunciado en diversas ocasións problemas de seguridade viaria en diversos puntos da estrada N-VI ao seu paso polo termo municipal”, recordou a portavoz do BNG Pura Ferreño.
“Recentemente déronse fondos debates sobre o punto negro do cruce de Queirís e o tramo que discorre desde alí ata Coirós polas deficiencias nas beiravías e o risco que supón para peóns e vehículos. A pesar das promesas do Alcalde este asunto segue sen ter trazas de solucionarse” indica Pura Ferreño.
“Anteriormente, no ano 2010, trasladamos a pleno a necesidade de tomar medidas para garantir a seguranza das nenas e nenos da Escola Infantil de Coirós ao atoparse a carón da estrada xeral. Tamén se demandaron naquel momento melloras no tramo Coirós-A Lapela por tratarse dunha zona moi transitada por peóns ao atoparse alí a casa do Concello, o Edificio de Usos Múltiples, a Igrexa e a farmacia”, informou.