O BNG reclama información sobre a selección do persoal para as brigadas de limpeza
O BNG-Asembleas Abertas presentou unha iniciativa no Concello requirindo información sobre a selección de persoal para as brigadas de limpeza.
Coirós, 2 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas presentou unha iniciativa no Concello requirindo información sobre a selección de persoal para as brigadas de limpeza.
Temos constancia de que o luns 29 de xuño varias persoas foron convocadas telefonicamente para presentarse na casa do concello de Coirós para de constituír unha patrulla de limpeza municipal, explicou a voceira do BNG de Coirós, Pura Ferreño. Posteriormente, o martes 30, algunhas destas persoas foron informadas tamén telefonicamente por persoal das oficinas municipais, do resultado da selección.
Un ano máis repítese un procedemento irregular e que non garante en absoluto a publicidade da convocatoria e o libre acceso de todas as persoas que puideran estar interesadas en participar nese proceso de selección
Por todo isto o BNG presentou unha iniciativa por escrito pedindo información sobre o traballo concreto que vai desenvolver esta brigada que supoñemos que é a brigada de incendios mais seleccionouse como brigada de limpeza. Descoñecemos tamén con que partida orzamentaria se conta para facer fronte a este gasto e con que medios materiais conta a brigada, explicou Ferreño.
Que procedemento se utilizou para garantir publicidade da convocatoria de xeito que todas as persoas do concello puideran acceder en igualdade de condicións? Cantas persoas se presentaron e cales foron os criterios de selección? Quen se encargou de realizar o proceso de selección?, cuestionou Ferreño, non sabemos nin que formación se esixiu e que formación se proporcionou ás persoas contratadas e pensamos que esta é unha cuestión tremendamente importante tendo en conta que, de tratarse dunha brigada contra incendios, terán que intervir en tarefas de extinción, tanto non ámbito municipal coma no supramunicipal baixo o mando da Xunta. Esta actividade de extinción é prioritaria fronte ás actividades de prevención.
Un ano máis repítese un procedemento irregular e que non garante en absoluto a publicidade da convocatoria e o libre acceso de todas as persoas que puideran estar interesadas en participar nese proceso de selección, concluíu a voceira nacionalista.