O BNG propón elaborar un plan de accesibilidade universal
"Con este plan faríase un inventario de barreiras arquitectónicas para telas localizadas e corrixilas paulatinamente no caso de ser de competencia municipal, e instar as outras administracións ou empresas de servizos, a corrixir as que lles correspondan"
Bergondo, a 22 de setembro de 2020. O BNG rexistrou para o seu debate no Pleno de Bergondo do próximo xoves unha proposta para a elaboración dun plan de accesibilidade universal. "Con este plan faríase un inventario de barreiras arquitectónicas para telas localizadas e corrixilas paulatinamente no caso de ser de competencia municipal, e instar as outras administracións ou empresas de servizos, a corrixir as que lles correspondan" indicou o portavoz nacionalista David Carro. "A dia de hoxe temos farolas ou postes no medio das beirarrúas, pasos de peóns sen adaptar ..." expuxo Carro.
Tamén se propón a instalación en edificios municipais dunha serie de pictogramas para facer un entorno máis accesible a persoas con, por exemplo, trastornos do espectro autista, ou con capacidades cognitivas alteradas, que comprenden mellor a información dun xeito visual.
Inicio de curso
Ademais, o BNG tamén rexistrou outra moción na que se insta a Xunta a modificar o protocolo de volta as aulas e consensualo con toda a comunidade educativa, así como asumir o sobrecuste de servizos como a limpeza e non cargar aínda máis aos Concellos, con unha competencia que lles é impropia, e dar unha solución a problemáticas que poden levar ao traste servizos como os comedores escolares, ou as actividades extraescolares.