Propuxemos un sistema para coñecer o aforo das praias de Gandarío ou o Pedrido
"Mediante a instalación dunhas cámaras en diversos puntos das praias que contabilizan as persoas (permitidas pola lei de protección de datos), e pasan os datos a un software, poderíase consultar facilmente e en tempo real a través dun apartado na web municipal ou mediante unha app"
Bergondo, a 19 de xuño de 2020. O BNG de Bergondo ven de propoñer ao Goberno Local a implantación dun sistema para dar a coñecer a ocupación das praias máis concorridas do Concello como Gandarío ou O Pedrido, desde a casa. Deste xeito contribuiríase a garantir a seguridade nas mesmas permitindo gardar as distancias de seguridade este verán. "Parécenos importante, dada a especial situación que estamos a vivir, que as persoas que queiran vir as nosas praias, de ampla concorrencia, poidan saber con anterioridade como esta o aforo en cada unha delas e valorar se acudir ou non" indicou o portavoz nacionalista David Carro.
"Mediante a instalación dunhas cámaras en diversos puntos das praias que contabilizan as persoas (permitidas pola lei de protección de datos), e pasan os datos a un software, poderíase consultar facilmente e en tempo real a través dun apartado na web municipal ou mediante unha app", expuxo Carro. "Hai xa algunha empresa galega que oferta este servizo logo de adaptarse as circunstancias, poñendo así en valor o I+D+I polo que no BNG consideramos que é crucial apostar", concluíu Carro.
O BNG reclamou tamén medidas para rematar coa contaminación no Regueiro
Os nacionalistas lembraron que no Concello de Bergondo segue habendo praias pechadas ao baño desde o ano 2016 como a do Regueiro e insistiron na necesidade de esixir á Xunta e ao Concello melloras no saneamento e eliminar os focos de vertido para garantir a calidade da auga.