Reclamamos mantemento na área recreativa da Rexidoira e da casa dos peóns camiñeiros

895ecdf9-e031-4302-bc9d-4224d493905a

“A área recreativa da Rexidoira, hoxe abandonada polo goberno local, foi rehabilitada dentro do Plan Mandeo, cun investimento de 111.813,85 €. O goberno local renuncia de maneira consciente a un dos principais activos turísticos e ecolóxicos do noso concello”.

Reclamamos mantemento na área recreativa da Rexidoira e da casa dos peóns camiñeiros

Oza dos Ríos, 27 de abril de 2018. O Pleno aprobou hoxe por unanimidade unha moción presentada polo BNG que solicita ao Concello implantar as medidas necesarias para garantir un correcto mantemento da área recreativa da Rexidoira e da antiga casa dos peóns Camiñeiros, na parroquia de Filgueira de Barranca.

“Na  área da Rexidoira comeza unha ruta de sendeirismo financiado con cartos públicos, procedentes do Plan Mandeo. Lamentamos que se desbalden os cartos de todas ao río abandonando unha infraestrutura verde importante no noso Concello”, declarou a voceira nacionalista Estefanía Busto.

Para o BNG, o estado actual deste espazo é “lamentábel”, dado que tanto o edificio como a contorna mostran un “total estado de abandono”. De feito, desde o BNG recordan que a casa ten sufrido roubos en diferentes ocasións e que ademais tampouco non funciona boa parte do alumeado. “Sen luz nin mantemento, coa contorna está sen limpar e maleza invadindo as paredes do edificio, é evidente que o goberno local decidiu esquecer esta área recreativa”, lamentan as nacionalistas.

Pero onde a voceira do BNG fai maior fincapé é na sangría económica que supón para o Concello este abandono: “Lembramos que a área recreativa da Rexidoira, onde se atopa a antiga casa dos Peóns Camiñeiros, foi rehabilitada dentro do Plan Mandeo, cun investimento de 111.813,85 €, despois de que a Xunta cedese a súa titularidade ao antigo concello de Cesuras”, explicou Busto, “polo que é deber do concello encargarse do seu mantemento.

O BNG lamenta que o goberno de González Formoso non estea a amortizar o investimento realizado na área recreativa e afea ao goberno local o abandono dunha área recreativa “cun gran atractivo turístico”, derivado da singularidade da orografía, as fervenzas e propia ruta de sendeirismo, e que que o goberno local do PP deixa esmorecer”, en palabras de Estefanía Busto, quen lembrou ademais ao goberno local que “é a súa obriga manter e poñer en valor o patrimonio natural e cultural do municipio”.

En definitiva, a voceira do BNG denuncia que desde o goberno local do PP “se está a malgastar o diñeiro” e lamenta “se renuncie de maneira consciente a un dos principais activos turísticos e ecolóxicos do noso concello” e anunciou a moción na que esixirá medidas inmediatas de mantemento, conservación e posta en valor da área recrerativa das Fervenzas da Rexidoira.

Reclamamos mantemento na área recreativa da Rexidoira e da casa dos peóns camiñeiros